Ordes, 19 de decembro do 2016 – No día de onte os amantes dos cans tiveron unha cita ineludible na II Festa dos cans, organizada pola asociación Amigos da canceira de Ordes Segunda Oportunidade en colaboración co Concello de Ordes.
Unha xornada que novamente hai que valorala moi positivamente tendo en conta as catro adopcións realizadas entre os 18 cans residentes do centro.
Entre os obxectivos máis inmediatos desta segunda festa están o de dar a coñecer as instalacións municipais e o traballo que alí se realiza por parte de traballadores e voluntariado. Tamén emprender unha campaña de concienciación sobre a importancia e responsabilidade que supón regalar animais agora que se achegan as festas do Nadal.
Ademais tamén se insiste na posibilidade de acoller temporalmente en casas particulares á espera de familias adoptantes. Os visitantes tamén tiveron ocasión de adquirir agasallos e manualidades de temática canina, cos que os integrantes da asociación conseguen fondos para os seus proxectos.