Frades, 26 de marzo do 2018 – A XIII Festa da Merenda de Aiazo (Frades) reuniu a varios milleiros de persoas en torno ás tortillas de masa con torriscos pese a tormenta da fin de semana.
A festa da merenda, organizada pola Asociación de Veciños “Os Pasos” e na que colabora o Concello de Frades, transcorreu con normalidade a pesares do mal tempo do venres e do sábado, que mesmo fixo que se difundira un falso rumor sobre a cancelación da Festa da Merenda, algo que desmentiron taxantemente os organizadores. De todos xeitos o mal tempo condicionou en parte a festa xa que as zonas de aparcamento estiveron molladas e, nalgúns tramos, enlamadas, o que provocou que centos de persoas optaran por deixaren os seus vehículos canda a igrexa e baixar a pulso as comidas e bebidas. O outro condicionante é que, se ben a área recreativa Os Pasos está en óptimas condicións, non estaba o día como para xantar tumbados no chan ou ao aire libre como en edicións anteriores, polo que practicamente todos os postos contaban con pequenas tendas para xantar a cuberto.
Cambio xeracional
A festa comezou puntualmente ao mediodía, momento no que unhas 25 cociñeiras e unha ducia de axudantes comezaron a cociñar as máis de 1.000 tortillas de masa que se repartiron durante toda a xornada. Ademais das degustacións gratuítas, a organización continuou un ano máis coas vendas de merendas para levar a casa en caixas de pizza, co logotipo da Festa da Merenda e que se vendían a 3 euros unha merenda e a 5 euros dúas. Isto, unido ao euro de colaboración que os asistentes poñían a cambio dun pano branco conmemorativo e as rifas para unha cesta por dous euros permitiron aos asistentes colaborar no financiamento da Festa da Merenda.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, felicitou á asociación “Os Pasos” polo seu excelente traballo e destacou que “estamos diante dunha das grandes festas gastronómicas que se fan en Galicia grazas a produto tradicional e ao cariño e traballo co que o elaboran estas cociñeiras”. Roberto Rey estivo acompañado por todos os concelleiros do grupo de Goberno. Este ano confirmouse unha tendencia que xa se viña apreciando anos atrás pero que durante a actuación da Charanga Mekánica e os seus temas rock quedou máis evidenciado: a diminución do público maior que é substituído por un público familiar e, sobre todo, mozo. De feito, practicamente toda a área recreativa estaba este ano ateigada de mozos e mozas chegados de toda a comarca e que quedan a pasar todo o día na festa.
