Compostela, 12 de agosto do 2017 – O vindeiro 30 de agosto a cidade de Fran Pérez, Narf, Santiago de Compostela, renderalle merecida homenaxe ao músico falecido o pasado novembro cun espectáculo que quere celebrar o seu legado, tanto musical como teatral. Será un evento no que participarán máis de trinta artistas de Mozambique, Portugal, Euskadi, Inglaterra e, por suposto, Galicia.
A homenaxe foi presentado na Praza de Praterías, coa presenza de Anxeles Porto por parte da organización de Feito a Man; os directores artísticos Quico Cadaval e Pepe Sendón; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e o tenente de alcalde da cidade, Jorge Duarte. Ademais tivo lugar unha pequena actuación de Pepe Sendón e Marcos Teira (director musical), que interpretaron “Santiago” de Narf.
Esta festa pretende, por unha banda, ofrecer unha panorámica significativa da súa música e, por outra, reunir na súa memoria non só os compañeiros e colectivos que compartiron camiño con el en Santiago, senón tamén amigos e artistas fundamentais no seu traballo chegados de Mozambique, Portugal, Euskadi e Inglaterra.
O concerto, que está dirixido musicalmente por Marcos Teira, terá unha banda base e logo os convidados e convidadas irán interpretando temas do músico compostelán. Entre os artistas participantes poderemos ver a Timbila Muzimba, a banda mozambicana coa que compartiu o seu último proxecto; Carlos Santiago e Pepe Sendón, compañeiros na Psicofónica de Conxo e en Nicho Varullo; Uxía, con quen publicou o disco ‘As baladas da Galiza imaxinaria’; o vasco Jabier Muguruza, parceiro no proxecto ‘Mundo café’; e moitos outros como Xabier Olite, Guadi Galego, Espiño, Jim Sanders, e outros.
Tamén haberá presenza destacada do mundo do teatro galego, con Manolo Cortés, de Chévere, compañía da que formou parte nos seus primeiros tempos; As Marías (María Bouzas e María Pujalte); Mofa e Befa; e Quico Cadaval.
As entradas xa están a venda en ataquilla.com e nos locais da Asociación Cidade Vella.
Xornada do sábado
![Esteban y Manuel Esteban y Manuel](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2017/08/esteban-manuel-normal_r-150x150.jpg)
Mentres tanto o Feito a Man continúa e hoxe as 13.30 sesión vermú na Vía Sacra con Esteban & Manuel. Eles fan, según dín, psicocumbia e ritmos tropicales do século XXI. O que está garantido é a festa e unha verbena de mediodía do máis típico que porá a bailar ao público.
![Cygne Cygne](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2017/08/Cygne-normal_r-150x150.jpg)
Xa pola tarde, as oito, en Virxe da Cerca concerto da californiana Cygne. Despois de estudar durante 10 anos violín dedicouse a compoñer os seus propios temas e despois dunha longa viaxe por Europa voltou a Estados Unidos e visitou durante un verán os principais festivais de bluegrass e música folk americana. Cygne fai unha música con persoalidade na que o folk e o blues son os protagonistas.
![Marcos Teira Marcos Teira](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2017/08/flamenco-translations-trio-normal_r-150x150.jpg)
O día pechas as 10 da noite na Quintana cun pouco de flamenco jazz. Marcos Teira que onte cantaba a música de Narf na presentación do concerto homenaxe soará co seu Traslations na formación de quinteto.
Antes de ir a ver as Perseidas a disfrutar un día máis co Feito a Man.