Compostela, 8 de agosto do 2017 – Continúa o festival organizado pola Asociación Cidade Vella e faino saldando unha conta pendente con Andhrea & The Black Cats que o ano pasado non puideron actuar pola chuvia. A cita de hoxe será as 8 da tarde na Vía Sacra.
Andhrea & the Black Cats é un trío de blues compostelá que reinterpreta clásicos do xénero dos anos 40, 50 e 60. O repertorio comprende temas de Robert Jonson, Muddy Waters, Son House… Tanto a escolla dos temas como a forma de arranxalos e interpretalos fai que os concertos deste trio sexan dinámicos e divertidos.
Andhrea Morant é a cantante e que tamén fai as labores de percusión miúda e os Black Cats son Benjamín Vázquez na guitarra e Ramón Figueira na harmónica.
A continuación, en San Paio de Antealtares, a partir das dez tempo para Hot Club of Spain.
Hot Club of Spain é unha formación encadrada no mundo do jazz que interpreta un estilo que posúe unha personalidade moi propia, o Jazz Manouche, un estilo inspirado na herdanza musical dos manouches, é dicir, dos xitanos de Francia e Centroeuropa. O jazz manouche é unha mestura do jazz americano dos anos 30, o Music Hall francés e o folk dos países do leste de Europa. Posúe un lánguido e seductivo “feeling” caracterizado por cadencias, ritmos e tempos rápidos.
Está formado por Juan Arenales “Sandman”, Titi Bamberger, Alberto Penoucos, Karin Van Kooten e Enrique Lafuente.