Trazo, 12 de decembro do 2018 – Familias de Viaño Grande en Trazo, levan desde marzo reclamando ao concello que repoña unha marquesiña caída a causa dos temporais, según denuncia o grupo socialista no concello.
Ademais das reclamacións directas dos afectados o grupo socialista levou a pleno unha iniciativa o pasado 28 de setembro para que o concello repuxera a marquesiña xa que o mobiliario urbano é competencia exclusiva da administración local.
A voceira socialista, Beatriz Domínguez, explica que “O alcalde comprometeuse no Pleno a aceleralo o máximo posible, pero o certo é que van xa nove meses e os nenos e nenas de Viaño Grande seguen tendo que estar baixo a choiva mentres agardan polo autobús do colexio. Ata onde vai chegar o desinterese do alcalde polos seus veciños e veciñas? faría o mesmo de seren os seus fillos ou netos os afectados por este tema?”.
Acusan ao alcalde de mentir
A voceira socialista lamenta que o alcalde intentara nas últimas semanas “escorrer o bulto e culpar á Deputación Provincial deste atraso, cando a reposición e mantemento do mobiliario urbano é unha competencia exclusiva do Concello. Os socialistas aseguran que o puideron comprobar durante un encontro con responsables políticos e técnicos de Obras e Servizos da Deputación Provincial, quen confirmaron que a reposición da marquesiña é competencia unicamente do Concello, por moito que estea emprazada nunha estrada provincial.
“Unha vez máis, o alcalde minte á veciñanza e deixa patente a súa nula capacidade de xestión e a situación caótica á que está levando o noso concello”, apunta Domínguez Siaba, quen di que “parece incrible que, coas veces que o alcalde vai á Deputación, aínda non teña clara as súas funcións e competencias”.
