A dialéctica política é voluble. A oposición de Compostela argumentou en moitas ocasións que os problemas cos bombeiros e a policía nunca se deran en Compostela “algo inaudito”; tampouco nunca se deixaran de pagar facturas que todos recoñecen que corresponden a traballos realizados e entregados pero en este caso faise bandeira do impago.
Tras varios plenos e moitas declaracións repetidas, ou case, desbloqueáronse polo menos as facturas dos pequenos empresarios e autónomos, 93 facturas por valor de 366.580,55 euros a pequenos provedores.
As facturas de Viaqua
O problema aparece novamente no pago a Viaqua, case un millón de euros dun contrato extinguido e con máis cara cun cubo de Rubik. O concelleiro de Facenda, Manuel César Vila, defendeu a importancia de pagar todas as facturas de todas as entidades que prestaron un servizo ao Concello e subliñou que os informes que acompañaron este expediente avalan a aprobación.
Informes que poden considerarse en algúns dos parágrafos ambiguos pero que sustentan o pago a Viaqua. Foi sorprendente escoitar ao non adscrito Gonzalo Muíños dicir que querían saber que ía votar o PP antes de decidir o seu voto.
O final seguiron mantendo unha abstención que impediu o pago dunhas facturas similares ás que se pagaron cando estaban no goberno. Que tiveran feito se o PP decidira votar a favor é unha incógnita.
O PP mudo o argumentario, como lle recriminou o concelleiro de facenda Manuel Cesar. Borja Verea pasou de falar de “saber si as facturas están dentro do prezo de mercado”, algo que se afirma nos informes; a falar de “beneficio industrial”, algo máis complexo xa que unha cousa non exclúe a outra.
Os expedientes de recoñecemento extraxudicial de crédito son “o pan noso de cada día” en todos os concellos. Nunha administración reducida de persoal, grazas á Lei Montoro, que algunhas facturas non se xestionen a tempo é habitual.
Os concellos retrasan as de máis importe, as das empresas máis grandes, para cadrar contas e tamén porque son os provedores que mellor poden aguantar un retraso. Máis se o traballo realizouse, antes ou despois hai que pagar.
O máis rechamante é que esas facturas están pendentes de cobro desde o ano 2019. Se por unha banda pódese entender o voto en contra do PP, aínda que sexa a primeira vez que non se pagan facturas de traballos realizados; por outra a abstención dos non adscritos impide na práctica o pago dunha débeda xerada polo goberno do que formaron parte. E aínda queda un ano e medio para as eleccións, que chegaremos a ver?.
