займ срочно

Seguen aparecendo facturas do ex alcalde de Trazo, José Dafonte

0

Trazo, 30 de novembro do 2020 – Desde que en febreiro do 2019 o Psoe de Trazo presentara unha querela criminal contra o ex alcalde e a secretaria non deixan de aparecer novas facturas de gastos sen xustificar.

O Psoe seguiu en este tempo accedendo á documentación e atopando facturas presuntamente sen xustificación legal. Estas novas facturas son as que levan ao Psoe a  ampliar a querela presentada polos delitos de falsidade documental e administración desleal do patrimonio público (malversación). O último descubrimento é que o Concello de Trazo pagou máis de 12.000 euros en máis dun cento de mariscadas e sobremesas con bebidas alcohólicas durante os anos 2015 e 2017.

A voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez, explica que “revisando a documentación dos anos 2015 a 2017 vimos de destapar un novo escándalo de sobregasto e paparotas do Partido Popular de Trazo por toda Galicia. É un auténtico roubo ás arcas municipais e aos veciños e veciñas de Trazo”. Domínguez adianta que “non imos descansar ata conseguir o reintegro de todos os cartos roubados á veciñanza mentres a actual alcaldesa e o seu socio de Somos Trazo miraban cara outro lado”.

Gastos fora de data

A agrupación socialista identificou 105 comidas e ceas pagadas polo Concello de Trazo sen ningún tipo de xustificación. A maior parte destas mariscadas teñen como data de realización un día festivo ou durante a fin de semana, “polo que resulta cando menos estraño que se tratara dunha viaxe institucional que obrigue ao seu pago”, apunta Beatriz Domínguez, quen puntualiza que “cando son en días hábiles, temos o exemplo dunha cea o 22 de xaneiro de 2015 en Muxía. É moi difícil de crer que unha visita institucional ao Concello de Trazo remate cunha cea en Muxía”.

O Grove e Muxía son os destinos máis presentes nestes abonos. Tamén figuran municipios da contorna (Ordes, Oroso, Val do Dubra, Tordoia…), pero tamén outros máis alonxados como Lugo, Sanxenxo, Allariz, Illa de Arousa, Pontevedra, Lalín, Portonovo…

A análise das facturas demostra o total descontrol do gasto por parte do Goberno do Partido Popular: xantar para 6 persoas en Lugo, curiosamente coincidindo coas festas do San Froilán; mariscadas no Grove, con centolas de 55,2 euros e whisky; mariscadas en Portonovo con 88 euros gastados nun arroz con bogavante; 132 euros nunha cea en Santiago para sete persoas… Ademais, non son xantares modestos e nunca do tipo “Menú do día”, senón que a maioría conteñen viños caros, mariscos e sobremesas con bebidas alcohólicas e combinados.

Sen xustificación nin fiscalización

Ademais, segundo a documentación analizada se constatou que o ex alcalde de Trazo entregaba albarás, tíckets e, poucas veces, facturas coas comidas. Uns gastos que se anotaban nun listado e acto seguido abonaba o Concello a través dun decreto de aprobación de gasto, sen que fose acompañado de ningún tipo de xustificación da viaxe protocolaria ou institucional que obrigase ao seu pago.

De feito, a gran maioría dos tickets presentados nin sequera teñen un formato legalmente recoñecido, xa que non figuran nin os datos máis básicos (nome, NIF e dirección do provedor) e a moitas delas se lles poñen datas posteriores á súa emisión e, incluso, se rectifican a bolígrafo. “Pediremos unha proba caligráfica pois é evidente que moitas facturas están rectificadas a man, co mesmo bolígrafo e pola mesma persoa para tratar que non lle coincidiran coas outras dietas cobradas e, aínda así, hai ata 25 delas que demostran que o Concello de Trazo pagou dietas por duplicado”, explica Beatriz Domínguez.

“Todas estas irregularidades eran aprobadas e asinadas pola secretaria-interventora do Concello de Trazo, sen facer ningún tipo de fiscalización nin advertencia da ilegalidade. Imos dar traslado da situación á Valedora do Pobo e ao Consello de Contas para pedirlles que actúen xa que a secretaria interventora de Trazo non cumpre coa súa obriga de fiscalizar. Non pode ser que se pagaran máis de 29.000 euros en comidas e agora descubramos outros 12.000 en mariscadas sen que unha habilitada nacional como a señora Nartallo teña presentado nin un so reparo”, adianta a voceira municipal socialista.

Esta denuncia é a segunda ampliación que se fai do procedemento xudicial aberto polo Xulgado de Ordes polos case 30.000 euros cobrados polo ex alcalde popular Xosé Dafonte en dietas sen xustificar entre os anos 2014 e 2017. Un procedemento que foi ampliado en febreiro de 2019 diante dos serios indicios atopados de que o expediente administrativo entregado polo Concello de Trazo no Xulgado fora creado e remitido nas datas que foi requirido (novembro de 2018) xa que non existe ningún expediente na data dos feitos, é dicir, entre os anos 2014 e 2017.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies