Compostela, 21 de febreiro do 2018 – O Parlamento de Galicia sumouse á celebración do Día Mundial da Xustiza Social inaugurando a exposición Dun muro das mentiras a un muro de exclusión, impulsada por EAPN-Galicia.
O Día Mundial da Xustiza Social, conmemorado no Parlamento, foi instaurado pola ONU en 2017 para, entre outros obxectivos, apoiar o labor da comunidade internacional en materia de erradicación da pobreza, a promoción do emprego pleno e o traballo decente, a igualdade entre sexos e o acceso ao benestar e a xustiza social para todos.
O presidente da institución, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou a mostra acompañado polo conselleiro de Política Social da Xunta, por membros da Mesa da Cámara, portavoces, deputados e deputadas, a valedora do pobo e representantes de diferentes entidades e colectivos que traballan no ámbito social
En declaracións aos medios, Santalices Vieira reiterou que o Parlamento “non pode estar de costas” a esta realidade e que debe traballar para “garantir o benestar das persoas”. Apuntou que malia aos avances rexistrados no ámbito do benestar social, o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento cifra en máis de 800 millóns o número de persoas que viven en situación de pobreza extrema no mundo, xa que dispoñen de tan só 1,5 dólares diarios. O presidente da Cámara chamou a atención sobre “unha das vertentes que conflúen coa pobreza, e enfermidade mental”. Ao seu xuízo, “aínda que na patoloxía en saúde mental se ten avanzado moito, aínda hai focos nos que deberíamos incidir”.
Santalices Vieira agradeceu que todos os grupos parlamentarios apoien esta iniciativa e tomen conciencia deste problema. “Poñámonos a traballar nun tema que é moi importante para o benestar das persoas”, rematou.