Touro, 20 de setembro do 2018 – A Asociación Aldea Viva desvela que Augas de Galicia ven de resolver un expediente sancionador contra a empresa Explotaciones Gallegas cunha multa de 30.000 euros.
A denuncia foi presentada en decembro pasado. Aldea Viva poñía en coñecemento da administración a contaminación do río do Burgo e Brandelos, aflúente do Ulla, polo vertido de augas residuais procedentes dos terreos mineiros. Non era a primeira vez que se advertía, ou denunciaba, a Explotaciones Gallegas, propietaria dos terreos mineiros de Touro, por depositar toneladas de residuos contaminantes que acababan nos cauces. Desde a asociación vense alertando, desde hai anos, de que os antigos terreos estanse a converter nun “macrovertedoiro”.
Agora Augas de Galicia resolve a denuncia considerando culpable a empresa por vertido de augas residuais con alteración da calidade das augas. No expediente, o organismo público deixa claro que a escusa da recuperación paisaxística que alega a empresa non lle permite “realizar vertidos contaminantes ó dominio público”. O organismo público acaba por concluír na exposición de motivos que “as certidumes de Aldea Viva coinciden cos informes dos técnicos de Augas de Galicia”.
Aldea Viva de todos xeitos di “botar en falta que non se impuxeran ao propietario medidas para evitación de novos vertidos. A pesares de demostrarse os repetidos episodios de contaminación que está provocando esta compañía, os seus responsables optan por tirar balóns fora a través do principio de autoridade, o cal consiste en non asumir a culpabilidade e tentar desmentir as evidencias científicas con informes partidarios do profesor Felipe Macías, quen presuntamente tería intereses económicos e familiares nas empresas denunciadas”.
Revés ao proxecto mineiro
A mineira sancionada é a socia principal de Cobre San Rafael, a sociedade que pretende reabrir a explotación de cobre nestes terreos. Os vertidos ao dominio público hidráulico son un dos principais riscos do proxecto de reapertura da mina, con danos causados que xa se padeceron no anterior período de explotación entre os anos 1973 e 1986, e dende o peche a actividade até a actualidade. A presente resolución deixa baixo os focos a nula restauración da mina nos últimos 30 anos. A sentencia pode ser un revés a pretensión de comezar o novo proxecto que está agora pendente de permisos.