Touro, 13 de decembro do 2021 – A Marea Veciñal de Touro denuncia o “despilfarro” nunha pasarela que tivo un custo de case setenta mil euros.
Trátase dunha pasarela que cruzará o rego de Lañas. A Marea non ve xustificadas as “Vigas de un metro de sección no canto, madeiras tropicais e outras ocorrencias nunha pontella para cruzar a pé o rego”
Para o grupo Veciñal, principal partido da oposición, isto “é o exemplo do despilfarro e descontrol no gasto por parte do Goberno de Touro”; e que dín “é a práctica habitual”.
A pontella sitúase no treito final do rego Lañas, para dar continuidade á ruta de sendeirismo PRG-233 Fervenza das Hortas – A Santaia. No mesmo lugar xa houbo unha pontella de madeira que foi danada por unha enchenta, estando o paso interrompido dende hai varios anos sen que se puxera solución.
Según a Marea Veciñal “o propio proxecto das obras deixa ben ás claras a entidade e necesidade da obra: salvar un rego de 5 metros de ancho para o paso de persoas a pé; esta é a dimensión que tiña a anterior pontella segundo os propios datos do proxecto”.
Á vista do orzamento de case 70.000 euros, a veciñanza pensou que ían construír unha ponte para circulación de vehículos e tractores “a sorpresa foi de escándalo cando consultado o proxecto, comprobaron que se trata dunha simple parasarela para o paso a pé de persoas”.
O grupo Veciñal cualifica este gasto de diñeiro público totalmente inadmisible para a finalidade da obra; e lembra que “o diñeiro que se tira sen control en moitas obras, priva de servizos básicos e priva de cubrir necesidades prioritarias para a veciñanza”.
