CC. Sta. Marta
A xestión dos centros socioculturais de Compostela volve a complicarse coa renuncia da empresa adxudicataria, EULEN, a asumir a concesión. Unha decisión que leva ao equipo de goberno a valorar a todas as vías legais posibles para a imposición de penalidades á empresa.
EULEN atribúe a súa decisión, comunicada a poucos días do prazo límite para asinar o contrato e despois de manter xuntanzas co persoal municipal de Centros Socioculturais e de ter visitado os equipamentos, a dúas cuestións.
Por unha banda, refírese á débeda que a anterior empresa adxudicataria mantén coas persoas traballadoras, que segundo Eulen suporía un importe dalgo máis de 137.000 euros. Ao respecto, o Concello ténlle comunicado á empresa o acordo da Xunta de Goberno polo que se manteñen retidas as últimas facturas que se lle adebedan á actual empresa prestadora do servizo, por un importe de case 190.000 euros, como garantía de pago deses salarios atrasados.
Esta decisión foi adoptada en aplicación do artigo 130 da Lei de contratos do sector público, que sinala que “a empresa contratista está obrigada a responder dos salarios impagados aos traballadores afectados por subrogación, así como das cotizacións á Seguridade Social devindicadas, aínda no suposto de que se resolva o contrato e o persoal sexa subrogado por un novo contratista, sen que en ningún caso esta obriga corresponda a este último”. Polo tanto, o Concello garantiulle a Eulen que o pago dos salarios pendentes en ningún caso lle correspondería á nova adxudicataria.
Por outra banda, Eulen atribúe a súa renuncia a formalizar o contrato ao procedemento xudicial iniciado pola representación sindical das traballadoras para reclamar que lles sexa aplicado o IV Convenio colectivo de eventos, servizos e producións culturais de Galicia, e non o III Convenio colectivo do sector ocio e animación sociocultural que se contempla nos pregos e que é o que lle foi de aplicación ao persoal de centros socioculturais ata o de agora. Sobre esta demanda non hai sentenza a día de hoxe.
Imposición de penalidades
O Goberno local está a estudar todas as vías legais posibles para a imposición de penalidades á empresa, toda vez que o contrato foi adxudicado o pasado 21 de xaneiro, e explorará todas as posibilidades que ofrece a Lei de contratos, mesmo a prohibición de contratar coa administración local en futuros procedementos de licitación.
O Goberno local avalía tamén todas as opcións legais posibles para que a decisión de Eulen prexudique o mínimo posible ás traballadoras de Centros Socioculturais, toda vez que esta renuncia imposibilita a súa subrogación nunha nova empresa no prazo que estaba previsto.
