Compostela, 26 de febreiro do 2018 – Este martes, 19:00 horas, na sede da Fundación Eugenio Granell, Carlos Arias presenta a edición en castelán de Eugenio Granell. Un hereje contemporáneo.
Foi no ano 2005 cando Carlos Arias publicou a biografía de EWugenio Granell fascinado pola dimensión artística, ética e intelectual do autor. En aquel momento Arias promoveu numerosos actos e encontros literarios en homenaxe dunha figura que considera un referente vital imprescindible, polo seu compromiso coa creación e cunha ética dunha altura extraordinaria.O volume formaba parte da Colección “A nosa memoria”, e agora preséntase a tradución ao castelán, editada pola Fundación Eugenio Granell.
En palabras de Carlos Arias: “Está feita esta biografía, por suposto, dende un punto de vista concreto, no que a subxectividade actúa para seleccionar aquilo que se quere mostrar en primeiro plano, pero espero que alcance para que quen queira acercarse ao mestre teña un punto de partida. Con iso daríame por satisfeito”.
Carlos Arias doou xenerosamente os dereitos desta publicación a Fundación Eugenio Granell. A obra foi maquetada por Teresa Taboada e puido facerse grazas a unha doazón anónima. O apoio económico que chega a Fundación Granell a través dos diversos gobernos e institucións escasamente logra cubrir as súas necesidades diarias.
Carlos Arias Iglesias (Lugo, 1959) colaborou en diversos medios de comunicación, publicou obras poéticas e narrativas e a biografía de Eugenio Granell (Xunta de Galicia, 2005). Ten publicado artigos en revistas científicas especializadas en filoloxía e pertenceu neste eido a un equipo de investigación da USC. Desde hai quince anos investiga en novas formas de desenvolvemento individual e colectivo, para o que realiza formacións sobre meditación e liberación emocional en diversos puntos do Estado español e de Francia. Está integrado na escola internacional de meditación Medita Today. Dirixiu obradoiros de meditación, baseados tanto en técnicas tradicionais coma en avances científicos da psicoloxía actual, en diversos puntos de Galicia.