A Estrada, 29 de xuño do 2022 – O concello da Estrada e a empresa Berries Galicia organizarán a segunda edición da Feira dos froitos vermellos o vindeiro nove de xullo de dez da mañá a dúas da tarde.

A Feira dos froitos vermellos situarase no Novo Mercado da Estrada e converterá ao concello na capital dos berries galegos. A impulsora, Berries Galicia, é a primeira asociación de produtores galegos de froitos vermellos, que busca a venda sen intermediarios dun produto autóctono, sostible e de alta calidade.
Na presentación participaron Anxos Pais, concelleira da Área de Desenvolvemento Rural e Actividade Agrogandeira; Óscar Durán, concelleiro da Área de Promoción Económica, Comercio e Emprego; Verónica Rivas Prieto, de Biogalaica 2011 (Palas de Rei), Eladio Cuíña Crespo de Finca do Muíño de Cuíña (Lalín) e Ramiro Touceda, presidente de Berries Galicia e socio de Frutas y Hortalizas Río Ulla S.A.T. (A Estrada).

Óscar Durán explicou que “En Galicia temos moitos produtores de calidade de froitos vermellos, pero que moitas veces non se coñecen, esta é unha oportunidade de reunilos e ofrecer produtos bos e da casa”.
A feira propón unha xornada de degustación gratuíta de froitos vermellos, de forma natural e elaborados, como marmeladas, xeados ou repostería. Esta segunda edición aumenta o número de produtores de froitos vermellos participantes de 6 a 15, aos que se suman 4 empresas que elaboran produtos con esta materia prima. Ademais, de duplicar os expositores de 2021, as catro provincias galegas contarán cun produtor ou elaborador no evento deste ano.
O evento inclúe tamén un showcooking e unha degustación gratuíta de cócteles sen alcohol. Ademais, a edición deste ano da Feira dos Froitos Vermellos contará cun DJ e un sorteo de cestas de produtos.
Ramiro Touceda, presidente de Berries Galicia, engadiu que “dende a Asociación Berries Galicia instalaremos un posto informativo dirixido ás persoas interesadas en cultivar os froitos vermellos”. Un dos produtores, Eladio Cuíña, indicou “Para nós, a II Feira dos Froitos Vermellos supón unha oportunidade para fomentar o produto local, quilómetro 0 e de tempada”. Neste senso, recalcan os beneficios de incluír os froitos vermellos na alimentación, como fontes de vitamina C, fibra, antioxidante ademais de ser produtos baixos en calorías.
Participantes na II Feira dos Froitos Vermellos
Na feira participarán os seguintes produtores de froitos vermellos: Os Arandiños (Vilalba), Finca Arandeiras de Ferraces (A Baña), Finca A Estoxa (A Capela), Biogalaica 2011 S.L. (Palas de Rei), Finca San Miguel (San Cristovo de Cea), Adrián Crespo (Carral), Ecoarándano (Santa Comba), Terras do Norte (Castroverde), Berries do camiño (Lugo), Frutas y Hortalizas Río Ulla S.A.T. (A Estrada), Susana Refojo (Dodro), Finca do Muíño de Cuíña (Lalín), Biofruitgalicia (A Estrada), Finca de Teo (Teo) e Ana Rey e Lorena Quan (Deza).
Respecto das empresas que utilizan os froitos vermellos como materias primas acudirán o obradoiro Maruxío, a panadería Liñares e a pastelería Mimela, os tres de A Estrada, así como as marmeladas de Nela Gourmet (Ourense).
Programa
A feira abrirá as súas portas ás 10.00, mentres que o DJ comezará ás 11.00 e a a inauguración oficial con cócteles de vitamina C Berries Galicia será ás 11.30.
A mediodía ofrecerase unha degustación de froitos vermellos frescos, productos elaborados e cócteles. Ás 13.30 sortearase unha cesta de froitos vermellos entre todas as persoas que ese día compren no mercado.