Bisbarra, 21 de xullo do 2022 – O concello da Estrada ven de adxudicar a substitución das carpintarías exteriores do pavillón Coto Ferreiro por máis de sesenta mil euros.

As melloras no exterior do Coto Ferreiro foron adxudicadas na última Xunta de Goberno Local. O importe total, 60.149,10 euros, será financiado a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
O proxecto foi elixido entre un total de cinco empresas que presentaron cadansúa proposta para acometer estes traballos. A obra inclúe a renovación das oito portas e da totalidade das fiestras do pavillón.
Estas actuacións deberán estar rematadas no prazo de dous meses, facilitando que este espazo volva ser empregado cando os clubes retomen os seus adestramentos de cara a vindeira tempada.