A Estrada, 19 de xullo do 2019 – O BNG da Estrada ven de reclamar da Consellería de Educación que se manteña na vila o Ciclo de de FP Emerxencias e Protección Civil.
A portavoz nacionalista, Susana Camba, explica que “Esta decisión do PP roza o absurdo e o alcalde non pode seguir co seu silencio cómplice. Non ten sentido que se suprima o ciclo de FP de emerxencias na localidade que ten a Academia Galega de Seguridade, así como o 112 e o 061”.
O BNG pide á Consellería de Educación que rectifique e manteña o ciclo de FP de Emerxencias e Protección Civil creado no curso 2015/2106 pero que ven de eliminar repentinamente deixando sen esta opción a 76 persoas que xa estaban inscritas para poder acceder a algunha das 30 prazas que se ofertaban nesta formación.
Unha decisión que o Bloque atribúen a discrepancias internas entre a Consellería de Vicepresidencia e a Consellería de Educación, despois de que non seu día acordaran crear este ciclo a través dun convenio entre ambos departamentos do Goberno de Feixóo, asinado entre Educación e a Academia Galega de Seguridade Pública, adscrita ao departamento de Alfonso Rueda.
“De maneira sorprendente e dun día para outro, despois de ter rematado o período de inscrición para o curso 2019/2020, a Xunta decidiu pechar o ciclo sen máis explicación nin razón que o xustifique que cuestións organizativas entre entidades dependentes do Goberno galego”, indica a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, para quen “resulta incríbel que órganos do mesmo Goberno sexan incapaces entenderse para manter unha titulación deixando a 76 persoas tiradas”.
Rodil avanzou que o BNG vai levar este asunto ao Parlamento, tras reunirse cunha representación da Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias e Protección Civil, xunto coa portavoz municipal na Estrada, Susana Camba, xa que a formación do alumnado depende unha parte da Consellaría de Educación a través do IES Losada Diéguez e da Academia Galega de Seguridade Pública, ambas as dúas no Concello da Estrada.
“É unha decisión inadmisíbel desde calquera punto de vista, deixa sen posibilidade de cursar esta titulación a moitas persoas que xa se inscribiran e dá, dun día para outro, por finiquitada unha formación fundamental para o futuro persoal técnico en emerxencias e de protección civil”, argumenta a viceportavoz do BNG.
De feito Rodil lembrou que recentemente “a conselleira de Educación dicía na Cámara que este ciclo era de grande utilidade para o país, co seu peche demostra que non lles importa en absoluto”. Por iso, a formación nacionalista vai levar o tema ao Parlamento pois considera “imprescindíbel” que a Xunta garanta o mantemento deste ciclo na oferta de formación profesional, como tamén reclaman desde a Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias e Protección Civil.
“Desde o BNG trasladaremos ao Parlamento as demandas do alumnado e pediremos explicacións á Xunta esixindo que se manteña esta titulación e que sexa ampliada como ciclo superior, ao igual que xa acontece noutros territorios”, concluíu Rodil.
Pola súa parte, a concelleira do BNG, Susana Camba, indicou que “esta decisión do PP roza o absurdo nun concello que presume de ter a Academia Galega de Seguridade, e o alcalde non pode seguir co seu silencio cómplice como fai con todo, ten que dar a cara e pelexar para que non desapareza este ciclo”.