A Estrada, 6 de outubro do 2021 – O BNG da Estrada reclama unha segunda pasarela no Río de Sapos na zona de Matalobos.
Os nacionalistas levarán unha iniciativa ao Congreso dos Deputados para que o ministerio de transportes e axenda urbana coloque unha segunda pasarela sobre Río de Sapos.
A concelleira do BNG Susana Camba explica que “o tramo entre a vila e o Alto da Cruz, a través da N-640, é moi frecuentado por veciños e veciñas para pasear e facer deporte, sen embargo, en Río de Sapos cremos que é necesario colocar unha segunda pasarela para garantir a seguranza das persoas que fan ese percorrido”.
Camba engade que “Hai que ter en conta que estamos a falar dunha estrada con moito tráfico, e se os peóns circulan pola parte dereita en dirección ao Alto da Cruz, teñen deixar a beirarrúa para pisar o asfalto da N-640, nun tramo de curva onde precisamente o ancho da beiravía é estreito e non garante a seguranza das persoas”..
Os nacionalistas considera que o custo de esta segunda pasarela peonil “non é elevado para un Ministerio cun orzamento de miles de millóns de euros” e engaden que o goberno ten unha débeda coa Estrada no tema da variante.
O BNG incorporará a petición de esta segunda pasarela ás enmendas aos orzamentos do Estado que se presentarán proximamente.