Compostela, 5 de febreiro do 2019 – Xoana, un dos novos valores do jazz galego, presenta este xoves o seu primeiro disco, “Dardos”, na Casa das Crechas (21:00, 5€)
Xoana mestura no seu primeiro traballo pop, rock, jazz, funky e mesmo reggae nun disco ecléctico cheo de contido social e denuncia. Temas como “Mártires” teñen presentes os laios de todas aquelas mulleres vítimas da violencia de xénero, ou outros como “Anceios”, que visibiliza a aqueles que marchan fóra da súa terra na busca doutra á que poder chamar fogar.
“Mártires” é tamén o seu primeiro videoclip e nel reivindícase o papel da muller. A través das imaxes perséguese trasladar ao espectador o sentimento de angustia e a sensación de apresamento á que están sometidas.
Xoana
Na súa web podemos ler que “o proxecto que me ocupa resúmese nunha única idea: traballar por un galego que derrube fronteiras e estea libre de prexuízos. Estas palabras son as que me repito día a día para seguir esforzándome e crendo no proxecto musical que iniciei coa intención de ser a miña carta de presentación no mundo da música”.
