Compostela, 17 de xullo do 2024 – Desde este venres 19 e ata o vindeiro 31 de xullo Compostela vivirá un ano máis as Festas do Apóstolo, cun programa de actividades que chega a todas as áreas e estilos que se poden pensar.
O Apóstolo chega con música de Dakidarría, Femi Kuti & the positive force, Harlem Gospel Travelers, Maro, Mercedes Peón ou Antònia Font, entre outros. Hai que engadir os eventos de folclore, orquestras, circo, danza, cabezudos, alboradas…e por suposto os tradicionais espectáculos pirotécnicos o 24 e o 31 que completan o programa desta edición.
Parte indispensable do Apóstolo son as atraccións que estarán na Alameda entre o 19 e o 31 de xullo con tres días de horario inclusivo, sen ruído, para que poidan ser accesibles a todas as persoas.
Na presentación a concelleira de festas, Pilar Lueiro, salientou que serán “festas cunha programación diversa, inclusiva, para todos os públicos, deseñadas para gozar dos espazos públicos, e para poñer en valor a cultura de noso en pé de igualdade con outras manifestacións artísticas chegadas doutras latitudes”.
A imaxe do Apóstolo 2024 foi realizada pola deseñadora Lidia Cao, da que Lueiro destacou o “protagonismo das mulleres e a súa mirada” na súa obra e recordou que “un dos seus murais foi elixido en 2022 entre os 15 mellores do mundo” así como que conta con obras en lugares como Guinea ou Hong Kong, e por suposto en Compostela, “como o que pintou o pasado ano no IES de Sar, que foi ademais o instituto no que estudou”.
Grandes concertos na Quintana
Os grandes concertos celebraranse unha vez máis na praza da Quintana, comezando pola mesma noite do pregón, cando actuará o grupo Dakidarría. Outros nomes que pasarán pola Quintana son Femi Kuti & the positive force (luns 22), Harlem Gospel Travelers (martes 23), Zenet (mércores 24), Maro (xoves 25), Mercedes Peón (luns 29), Uxía Senlle, Ugía Pedreira, Carmen París e Martirio-concerto Enredadas (martes 30) e Antònia Font (mércores 31).
Tampouco faltarán na Quintana dúas citas que xa son tradicionais: o concerto da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Baldur Brönnimann, o venres 26, e o concerto da Banda Municipal, que nesta ocasión estará acompañada pola solista Ana San Martín, o sábado 27.
Outras citas que acollerá esta praza serán as xornadas de Folclore galego, o sábado 20, e unha mostra e obradoiros de danza urbana na mañá do domingo 21. Ao longo da xornada do venres 19 terá lugar a terceira edición da Feira do Vestir “de onte a hoxe”, con obradoiros, pasarelas e actividades para a cativada, no marco do programa do Día do Traxe Galego, que se desenvolverá ao longo do domingo 21 e que segundo anunciou Pilar Lueiro, será presentado nunha rolda de prensa específica.
Diversos espazos de cidade
O parque de Galeras acollerá un ano máis un ciclo de oito concertos para todos os gustos, por onde pasarán artistas como Lusardi e Boa Sunet (martes 23), C. Mirazo (mércores 24), Sr. Salvaje (xoves 25), Ailá (26 xullo), Carolina Rubirosa (sábado 27), Malabesta (domingo 28), Capital Voskov (luns 29) e Apart (domingo 30). Neste mesmo espazo tamén terá lugar a proposta teatral ‘As fillas bravas e o mito de Casandra’, do grupo Chévere (martes 30) e o espectáculo circense ‘Cigani 100%’ da compañía Antón Coucheiro (mércores 31).
A praza de Mazarelos tamén servirá de escenario para varias citas musicais: Pío k trio & Hyness (venres 26), Socorro Lira (sábado 27), e varias actuacións no marco do concerto ‘Peregrinos Musicais’. Tamén acollerá o espectáculo circense ‘Cualquier verdura’ da compañía Chimichurri (luns 22).
Como novidade, este ano o Ensanche compostelán súmase ás Festas coa celebración na praza Roxa do ‘Santiago Gaming’ o sábado 20, un evento para os amantes dos videoxogos, e do ‘SURF Santiago Urban Fest’, un festival pioneiro de música urbana que nace dos Orzamentos Participativos da área de Xuventude do Concello e que contará coa actuación de 24 artistas emerxentes, o sábado 27 de xullo.
Ademais, Pilar Lueiro anunciou que a explanada do estadio Vero Boquete acollerá o sábado 20 un espectáculo de drons dentro dos actos do 30 aniversario de Cidades Patrimonio, e as persoas amantes da danza tamén poderán gozar das propostas artísticas dos bailaríns e bailarinas chegados desde diferentes lugares para participar no espectáculo ‘Danza no camiño’ na praza de San Martiño Pinario o vindeiro 19 de xullo.
Outras citas tradicionais
A concelleira recordou que non faltarán citas tradicionais do Apóstolo, como o XLVI Torneo de chave, o Día de Padrón, a Festa do Escalo de Chaián, as orquestras ou as populares atraccións, que estarán na Alameda ata o 31 de xullo; así como as tradicionais alboradas, a comparsa de cabezudos que percorrerá as rúas da cidade histórica na mañá do 25 de xullo e os Fogos do Apóstolo nas noites do 24 e do 31.
Ademais, como novidade, Pilar Lueiro adiantou que “para o día grande, o Día do Apóstolo, haberá animación todo o día, xa que a charanga TNT percorrerá as rúas da cidade de 17 h a 20 h”.
Tamén volverá un ano máis o TRAD FEST, que se desenvolverá ao longo do domingo 28 no parque de Bonaval.
Actividades para todas a idades
O Parque Eugenio Granell acollerá o vindeiro 23 de xullo, unha xornada de divertimento dedicada especificamente á cativada de Compostela, a Festa Pícara. Trátase dunha xornada que contará con actividades variadas de teatro, música, títeres, obradoiros na lingua propia e poñendo en valor a cultura do país e achegando os pequenos e pequenas á lusofonía a través da música.
Ademais desde o día 21 ata o 30 de xullo varios espazos da cidade acollerán un ciclo ‘Cinema Compostela’ de cine ao aire libre, no que se proxectarán seis películas recentes do audiovisual galego para público infantil e adulto: ‘Salta!’ , ‘O Corno’ , ‘As Neves’, ‘Cuñados’, ‘Amigos ata a morte’ e ‘Honey Moon’.
Puntos Lila
A concelleira recordou que haberá dous Puntos Lila de información e acompañamento sobre violencias sexuais, a disposición de todas as persoas que se acheguen á cidade ou participen nos festexos. A caseta lila da Alameda estará aberta todos os días dende o 19 ao 31 de xullo entre as 20:00 e a 01:00 horas. Este ano tamén se sumará un Punto Lila na praza Roxa, que estará aberto o día 27 de xullo, en horario de 19:00 a 23:00 horas e persoas itinerantes que ofrecerán información durante os concertos que se celebrarán no parque de Galeras.
A edila tamén recalcou a existencia dun horario inclusivo sen ruído nas atraccións da Alameda os días 20, 27 e 30 de xullo, en horario de 17:00 a 19:00 horas, ademais de que se lle solicitou “a baixada de decibelios durante todos os días e horario restante”.
Lucía Freitas pregoeira
Lucía Freitas será a pregoeira das Festas do Apóstolo 2024. As Festas arrancarán o vindeiro venres, 19 de xullo, coa lectura do pregón ás 21:30 horas desde o balcón do Pazo de Raxoi a cargo da cociñeira e que estará amenizado por unha foliada colectiva na propia praza a partir das 20:30 horas.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, defendeu a escolla de Lucía Freitas como pregoeira “porque representa dunha maneira magnífica os valores do noso Concello” e “ten un recoñecemento non só en Santiago de Compostela, senón tamén a nivel galego estatal e fóra das nosas fronteiras”.
A alcaldesa recoñeceu que foi “un orgullo inmenso que aceptase” xa que “a súa filosofía culinaria é algo coa que coincidimos”, coa idea de “estarmos no máis top e ao mesmo tempo estarmos mirando cara atrás, á memoria e ás orixes, a quen somos e de onde vimos”, a modo de “elos dunha cadea” e buscando “a partir das raíces estar na vangarda e no moderno”. A rexedora tamén vinculou a elección da pregoeira coa aposta municipal polo “turismo sustentábel”, un modelo que busca que “a xente veña aquí para unha experiencia gastronómica e a coñecernos en profundidade”.
Lucía Freitas expresou o seu agradecemento polo convite do Concello que lle permitirá “poder falar desde o corazón para a que é para min a mellor cidade do mundo” e defendeu a súa cociña como unha maneira de “transmitir os nosos valores, o territorio no que vivo e o noso ecosistema”.
Na súa intervención, a chef destacou a importancia de “xerar unha imaxe de Galicia” polo mundo para que “a xente veña eiquí a vivir a experiencia como composteláns” e tamén reivindicou “a gastronomía como un nexo de unión cultural e coa que se pode facer moito ben e axudar a moita xente” así como “as mulleres que están na base e que a súa linguaxe é o traballo duro e o esforzo e manter as tradicións”.
A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, anunciou que “para dar continuidade ao éxito acadado o pasado ano cunha praza o Obradoiro ateigada de bailadores e bailadoras facendo filas, rodas, sacando puntos”, o Concello organizará novamente unha gran foliada popular para amenizar a noite do pregón.
A edila animou a “todas as persoas das escolas de baile e grupos folclóricos, grupos de amigos, amigas, por xunto, por separado…” a que se acheguen ao Obradoiro o vindeiro venres 19 de xullo a partir das 20:30 horas para formar parte deste “espectáculo de baile e canto colectivo, sen importar a idade, condición física ou experiencia”.
Despois do pregón, ás 22:15 horas, a praza da Quintana acollerá o concerto de Dakidarría, unha banda galega que fusiona ska, reggae, punk-rock e ritmos urbanos cheos de enerxía a que chega a Santiago para presentar o seu novo disco ‘XX’, rexistrado en directo en dous festivais emblemáticos da súa terra como son Revenidas e Castañazo Rock.
Lucía Freitas
Lucía Freitas naceu en 1982 en Santiago de Compostela (Galicia, España). Aos 19 anos comezou os seus estudos na Escola Superior de Hostalería de Artxanda (Bilbao).
Nas súa ampla traxectoria destaca o seu paso por Mugaritz, onde descubriu o mundo verde e as hortas e onde se impregnou da filosofía e dos valores que rodean o produto de proximidade e que, a día de hoxe, caracterizan o seu traballo. Tamén pasou por Relais Chateau como xefa de pastelería do seu restaurante Tápies, o que lle permitiu definir a súa visión económica e estratéxica da gastronomía como negocio e foi o momento chave que deu lugar á apertura do seu primeiro restaurante: A Tafona, inaugurado en 2009 en Santiago.
Desde entón, a chef galega logrou diversos recoñecementos: o segundo posto no concurso nacional Cociñeiro do Ano (2016), unha estrela Michelin (2018) e dous soles (2019)para A Tafona . Ademais en 2017 abriu os proxectos “Tomiño, Taberna Galega” en Nova York e LUME en Santiago. En 2020 lanzou a súa liña de xeados de autora, Cinza, e o seu delivery “Misto”.