Bisbarra, 21 de febreiro do 2023 – Os concellos de Negreira e Val do Dubra traballan nun proxecto que ten como obxectivo crear espazos seguros para as persoas con diversidade funcional.
O proxecto “Unha mirada cara a diversidade funcional. Espazo seguro” quere minimizar os problemas que estas persoas atopan no día a día. Por medio dun díptico os concellos buscarán a colaboración do tecido empresarial co fin de crear espazos máis seguros.

A iniciativa a leva a cabo a Asociación Xanela e o Servizo de Atención Temperá (SAT) que xestiona a agrupación de concellos de Negreira e Val do Dubra. Os espazos seguros terán un punto de encontro nos concellos que servirá de referencia se unha persoa está desorientada ou perdida. Por outra banda os negocios que participen no proxecto servirán como puntos de axuda que complementan aos primeiros.
Os comerciantes colocarán unha sinal no escaparate, onde se perciben as palabras: “Espazo seguro”. Isto indica, que ese establecemento ten conciencia sobre o que é a diversidade funcional e que será, coma o propio nome do proxecto indica, un espazo seguro para as persoas con diversidade funcional, tanto en caso de necesidade como á hora de realizar unha compra no seu día a día.
A finalidade do proxecto é xerar espazos adaptados ás necesidades das persoas con diversidade funcional, fomentando que se sintan seguras e cómodas á hora de desenvolverse na comunidade.
Os participantes recibirán a información necesaria que explique pequenas recomendacións sobre como actuar ante a diversidade funcional. Por exemplo, adoptar un ton de voz claro e sosegado, e conformar un espazo tranquilo sen subestimar as capacidades da persoa.
Os membros da Asociación Xanela iran polos diferentes locais e comercios presentando o proxecto de espazo seguro, e proporcionando un folleto que explica de forma visual o proxecto e o adhesivo que dará visibilidade.