Pontecesures, 18/05/2026 – Aínda que está xa na provincia de Pontevedra pola fábrica de Nestlé en Pontecesures pasaron de visita cativos de toda a bisbarra desde hai décadas. O ERE presentado conmocionou a moita veciñanza que en certo modo senten unha vinculación desde nenos con este lugar.
Este sábado Pontecesures acolleu unha manifestación contra o expediente de regulación de emprego presentado por Nestlé. O secretario xeral provincial do PSdeG na Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, e o deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, participaron na mobilización.

Ali estaban tamén o alcalde de Padrón, Anxo Arca, o alcalde de Dodro, Xavier Castro, e o tenente de alcaldesa de Pontecesures, Roque Araújo. Bernardo Fernández explicou que dende o PSdeG “apoiamos as xustas reivindicacións do comité de empresa e dos traballadores e traballadoras da factoría de Nestlé en Pontecesures”, unha factoría na que, lembrou, “traballan moitos veciños e veciñas da contorna”, especialmente de concellos como Padrón e Dodro.
Fernández Piñeiro subliñou que a situación en Nestlé afecta a numerosas familias da comarca e lamentou que a Xunta de Galicia non actuase ata o momento. “Nada sabemos da administración que ten as competencias exclusivas en materia de industria”, afirmando que “ata o día de hoxe non moveu nin un só dedo para esixirlle á empresa que se sente a negociar cos traballadores, que suspenda ese ERE e que se atope unha solución a esta problemática”.
O rexedor reclamou que a Xunta “cumpra coa súa obriga” e exerza as competencias que ten en materia industrial para resolver o conflito. Pola súa banda, Aitor Bouza destacou que dende o PSdeG “apoiamos a reivindicación de todos os traballadores e traballadoras da fábrica de Nestlé” e lembrou que nas últimas semanas mantiveron unha xuntanza co comité de empresa para escoitar de primeira man as súas demandas ante o ERE.

Bouza asegurou que o PSdeG non só comparte estas reivindicacións, senón que levará esta cuestión ao Parlamento de Galicia. “Trasladaremos esta cuestión ao Parlamento para esixirlle á Xunta de Galicia e ao señor Rueda que non se quede como un goberno que mira un problema que ten Galicia, senón que se implique en buscar e procurar unha solución”, sinalou.
O parlamentario socialista incidiu en que a situación afecta “a moitos galegos e galegas” e definiu a planta de Nestlé como “unha fábrica de referencia”. Por iso, reclamou “a implicación da Xunta de Galicia e do presidente da Xunta na súa primeira persoa”.
