Bisbarra, 23 de marzo do 2023 – A coordinadora Eólica Así NON convoca unha manifestación en Compostela o vindeiro 23 de abril para pedir a paralización dos proxectos eólicos con DIA favorable.

Esa data é o límite, segundo a normativa, para que os proxectos eólicos que obtiveron unha declaración de impacto ambiental DIA, favorable poidan ser paralizados. O lema da convocatoria de Eólica Así NON será “Rodeamos a Xunta. Non á depredación macro-eólica especulativa”.
A mobilización esixirá ao executivo galego que denegue as autorizacións das ducias de macroparques eólicos aos que a Consellaría de Medio Ambiente xa outorgou permiso ambiental o pasado mes de xaneiro, un total de 77.
A mobilización do 23 de abril tamén demandará a inmediata paralización duns 150 expedientes eólicos que a Xunta de Galiza aínda mantén en tramitación. Desde a Coordinadora Eólica Así Non explican que levan “máis de dous anos reclamando unha nova planificación pública, ordenada e ao servizo do pobo, demandando unha moratoria, pero agora a paralización de todos os proxectos é máis necesaria que nunca”.
Eólica Así Non integra máis de 200 colectivos galegos, advirte das dramáticas consecuencias que tería a aprobación de máis de 75 macroproxectos eólicos. Engaden que “Os galegos e galegas non podemos nin debemos tolerar este asalto a cara descuberta das grandes multinacionais especuladoras da enerxía, nin gobernos que, para favorecelas, poñen en risco o futuro de todo un país”.
A Xunta promove unha empresa público privada que xestione os recursos
Coincidindo en tempo coas demandas de paralización e reflexión, a Xunta ven de anunciar a creación dunha “sociedade público – privada coa que Galicia asumirá un papel protagonista na transición enerxética para que os beneficios do aproveitamento dos recursos naturais galegos se reinvistan en Galicia”.
O anuncio foi realizado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na visita que realizou ás instalacións do Parque Eólico Experimental de Sotavento. A previsión é que hoxe, no Consello da Xunta, apróbese o inicio da tramitación dunha lei que sentará o marco normativo para a creación dunha sociedade coa que asumirá esa participación directa, xunto con outros socios, e que “permitirá velar para que o rendemento económico dos recursos naturais de Galicia se reinvista en Galicia”.