займ срочно

Centos de persoas maniféstanse diante do Parlamento contra os eólicos

0

Bisbarra, 21 de novembro do 2023 – A coordinadora “Eólica así NON” congregou a centos de manifestantes diante do Parlamento de Galicia para protestar contra as reformas lexislativas que afectan aos proxectos eólicos.

A coordinadora explica que ditas reformas “pretenden sortear as sentenzas xudiciais do TSXG que están a paralizar proxectos eólicos ilegais, así como entregar definitivamente os recursos naturais do país ás eléctricas e mineiras”.

A Lei de acompañamento dos orzamentos 2024 declara aos proxectos eólicos autorizados desde o 30 de decembro do 2022 de “Interese público superior”. Esta Lei foi tramitada por vía de urxencia e a coordinadora considera que o seu obxectivo é “facer prevalecer a explotación enerxética do vento fronte a outras actividades económicas estratéxicas, a preservación do medio ambiente e o aproveitamento ordenado dos recursos naturais.

Ao berro de “as leis do Capital non son de interese xeral”, os colectivos e organizacións que conforman o movemento “Eólica Así Non” acusaron ao Partido Popular de “prevaricar ao reincidir na disposición de leis que recortan dereitos sociais e de participación pública e que favorecen a destrución do patrimonio ambiental e cultural”.

A presunción de “interese público superior” facilita a tramitación de renovábeis e considera por defecto os polígonos eólicos compatíbeis co medio ambiente, agás argumento en contra. A medida segundo a coordinadora “relega á Xunta da súa responsabilidade fiscalizadora nas avaliacións de impacto ambiental dos proxectos enerxéticos e deposita a tutela dos recursos públicos e a carga da proba na cidadanía, de forma, que teña que ser o pobo galego o que demostre a incompatibilidade de moitos dos macroeólicos xa autorizados”.

Lei de beneficios

Ao tempo, atópase en avaliación no Consello Económico e Social o anteproxecto da “Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan recursos naturais de Galiza”.

Desde “Eólicos asi NON” explican que está dirixida “unicamente a facilitar o camiño das grandes corporacións empresariais cara á explotación dos recursos naturais que son de todas e todos. Tal e como se concibe, esta lei impide á Administración pública exercer un control efectivo sobre o aproveitamento de recursos naturais básicos para a supervivencia do pobo galego (enerxía, auga, minerais…)”.

Os manifestantes engaden que “Estas novas reformas legais constitúen na práctica o abandono da Xunta da súa función executiva a prol do interese xeral e o seu evidente sometemento ao servizo do capital privado, deixando en mans das grandes especuladoras o presente e futuro do noso país”.

Desde a Coordinadora confían en que “a mobilización social, o control do poder público exercido pola cidadanía e a independencia da Xustiza consigan deter os efectos perversos deste ronsel antidemocrático de reformas lexislativas, promovidas por un PP que, a cada paso que dá, deixa máis claro para quen está a gobernar”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies