Bisbarra, 28 de febreiro do 2023 – O Entroido chegou cedo este ano e encheu a bisbarra de festas, desfiles, comidas, xenerais e atranques, volvendo e ampliando os mellores tempos de esta festa.








Antes da pandemia o Entroido viviu unha etapa na que pouco a pouco os concellos recuperaban tradicións e incluían na programación cultural e educativa obradoiros e festas vinculadas ao Entroido.


A Covid parou todo e ata este 2023 a posibilidade de organizar unha festa ao cen por cen non se fixo real. Ao interese que estaba a crecer viuse aumentado polo parón do que asociacións e colectivos saíron con ganas de festa.




Hai uns anos o habitual era ver nos distintos desfiles a certas comparsas que percorrian a bisbarra intentando acadar o maior número de premios. Este ano puidemos ver moitos grupos distintos en distintos concellos, mesmo desfiles cheos de imaxinación fora da capital. Non todos optaron polo modelo de concurso e algúns concellos organizaron tan só festas que tiveron tanto éxito ou máis como as competitivas.




Ademais de esta variedade, o Entroido en Compostela comeza a ter o seu propio carácter. Aparte do desfile que sempre congrega a moita xente, a subida e baixada do Meco crece cada ano en participación e comeza a ser unha das citas a anotar no Entroido.




Por outra banda os Xenerais do Ulla son sempre unha garantía de diversión e sorpresa. Os atranques soen ser un dos mellores espazos para saber que pasou no pobo no último ano. Cada vez son máis e a súa difusión, para que acaden a notoriedade de outros Entroidos, é unha tarefa pendente das administracións.




O Entroido vive un bo momento como o demostran as fotografías de esta reportaxe. Unha das tradicións máis divertidas da nosa terra e da que todos debemos participar, que para preocupacións xa está o resto do ano.








