Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Xeral

Comeza a novena edición do Enreguéifate

compostela presentacion enregueifate 12 novembro 2025 (2)

Os concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo impulsan esta nova edición do Enreguéifate.


O concello de Santiago foi o anfitrión da presentación da novena edición do Enreguéifate. Un proxecto, impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo,

Na presentación oficial de Enreguéifate participaron o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro; a concelleira de Normalización Lingüística de Arzúa, Lucía López Sobrado; a concelleira de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei; e as formadoras e formadores do Enreguéifate Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, Xairo de Herbón e Manuele Pardo, que abriron o acto regueifando. Á cita asistiron ademais responsables de normalización lingüística dos concellos impulsores.

Enreguéifate, versos doutro universo

Baixo o lema Enreguéifate, versos doutro universo, “esta edición convida a ollar e mudar este mundo desde outro universo: o da poesía oral improvisada”, segundo apuntaba a alcaldesa compostelá. Goretti Sanmartín subliñou ademais a importancia dun proxecto que este ano sumou un concello máis, o de Arzúa, nun “exemplo de colaboración e traballo conxunto entre administracións municipais co obxectivo principal de fomentar o uso do galego, especialmente entre as crianzas e a mocidade”, dun xeito interxeracional e “a través da creatividade, da retranca, da poesía oral e da regueifa, esa maneira tan peculiar nosa de estar no mundo”.

O programa de actividades arrincará este venres, 14 de novembro, cun obradoiro de formación para o profesorado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames), conducido por Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira.

A actividade, gratuíta e con inscrición aberta ata hoxe, 12 de novembro, a través da web do Enreguéifate, ofrecerá a 45 docentes de toda Galicia a oportunidade de coñecer o valor da regueifa como ferramenta didáctica.

A través da improvisación oral, os participantes explorarán estratexias para fomentar a expresión, a empatía e o traballo en equipo nas aulas, transmitindo ao alumnado valores como a diversidade, a cooperación, a integración ou o feminismo.

O obxectivo, segundo sinalou o alcalde de Ames, é que “a palabra –cantada ou rimada— se converta nun instrumento de aprendizaxe e de orgullo lingüístico”. Blas García Piñeiro agradeceu tamén a implicación do profesorado no proxecto ano tras ano, apuntando que “cada docente que decide incorporar a regueifa á súa programación está a transmitir unha tradición e un patrimonio valiosísimos e está a trasladar ao alumnado a mensaxe de que o galego é unha lingua viva, útil, divertida e con futuro”.

Preto de 80 obradoiros escolares

Durante este primeiro e o segundo trimestre do curso realizaranse preto de 80 obradoiros de improvisación oral destinados a escolares de 5º e 6º de primaria e da ESO dos concellos participantes.

Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo, Xairo de Herbón, Cristian de Burela e Manuele Pardo serán nesta edición as persoas encargadas de impartir as sesións formativas destinadas a espertar no alumnado a curiosidade polos xéneros de improvisación oral en galego.

 “Desde o xogo, a liberdade e o pensamento crítico, estes obradoiros procuran ademais reforzar a autoestima lingüística e creativa das novas xeracións, ofrecerlles un espazo para expresarse libremente e conectar coa tradición oral como fonte de inspiración contemporánea”, segundo remarcou a concelleira de Normalización Lingüística de Arzúa.

 “Nun momento no que o galego precisa novos espazos de uso e prestixio social, a regueifa convértese nunha ferramenta eficaz para revivir a lingua como espazo de encontro e comunidade”, engadiu Lucía López Sobrado.

Un certame para sumar tripulantes na nave da regueifa

O certame de regueifas en vídeo repite como unha das citas máis agardadas. A representante do Concello de Carballo subliñou que na anterior edición “acadouse unha participación de récord, con case un cento de regueifas recibidas, confirmando o interese crecente da cidadanía por esta expresión cultural”.

Maruxa Suárez Cotelo animou a volver bater esa marca, para “seguir sumando tripulantes nesta nave da regueifa” e lograr unha participación masiva do alumnado galego de educación infantil, primaria, secundaria, formación profesional, ensinanzas especiais, artísticas, escolas de música, de danza ou de idiomas, pero tamén da cidadanía en xeral, ben de xeito particular ou ben a través de todo tipo de asociacións ou colectivos, á que tamén vai dirixida este certame.

O prazo para participar estará aberto entre o do 12 de xaneiro ao 6 de marzo de 2026. A inscrición poderá realizarse a través da web do Enreguéifate, onde tamén estarán dispoñibles as bases completas do certame. As persoas interesadas deberán enviar un vídeo no que participen, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego sobre un tema libre, cunha duración máxima de tres minutos.

Este ano volverán outorgarse oito premios por cada categoría –escolar e xeral–, para recoñecer non só quen fai mellor as regueifas, senón tamén que as emprega para fomentar a inclusión, para reclamar ou denunciar inxustizas, para amosar a nosa diversidade ou para difundir as nosas tradicións.

Así, haberá regueipremios para os mellores vídeos nas modalidades de regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira.

A entrega dos galardóns terá lugar desta volta en Pontevedra, como apuntou o concelleiro de Normalización Lingüística do concello pontevedrés, Demetrio Gómez Xunqueira. O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o xoves, 16 de abril de 2026, o encontro que reunirá a comunidade regueifeira de todo o país, nunha celebración que pretende “recoñecer o esforzo dos centros educativos, das familias, das agrupacións culturais e das persoas que, coa súa participación no Enreguéifate, axudan a manter máis viva ca nunca a nosa tradición”.

Post navigation

Previous: Unanimidade en Brión para subir a taxa do lixo
Next: Ames promove encontros Monoparentais

Máis novas

compostela feiito a man 4 agosto 2026
4 minutes read
  • Axenda

Comeza o XXIII edición do Feito a Man

compostela festival c 4 agosto 2026
3 minutes read
  • Axenda

O Festival C enche Compostela

TOURO VEST VERA 1 AGOSTO 2026
2 minutes read
  • Xeral

Noites no Ulla, a edición de verán de Ulla Fest

Ponte de San Lázaro Noia
2 minutes read
  • Xeral

Noia renovará a ponte peonil de San Lázaro

compostela centro mercadprias 31 xullo 2026
6 minutes read
  • Compostela

Nova etapa en Compostela na distribución de mercadorías

frades pleno xullo 31 xullo 2026
4 minutes read
  • Frades

Frades destina 95.000 euros de fondos propios a mellora de pistas

teo pleno extraordinario sobre o concello slide 1 setembro 2025.jpeg
3 minutes read
  • Teo

Teo aproba definitivamente os cambios no PXOM

compostela demandantes de vivenda 24 outubro 2018_slide
8 minutes read
  • Xeral

Compostela xa é unha zona de mercado residencial tensionado

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2084) Ciencia (115) Comercio e empresa (662) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2787) Curtocircuito (40) Deportes (749) Economía (449) Educación (771) eleccions (44) Emprego (241) Entroido (42) Festas e Feiras (619) Festivais (835) Galego (143) Institucións (1430) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1618) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (816) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (730) Politica (942) saúde (529) Servizos (2682) sindicatos (109) Social (561) sucesos (130) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (694) Turismo (222) Universidade (582) urbanismo (264) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

We use our own and third-party cookies to ensure the website works properly, measure usage, and improve our services. You can accept all cookies, reject non-essential cookies, or configure your preferences. Cookie policy

Configure cookies

Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.

Help measure site usage and improve its content.

Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.

Store preferences or enable non-essential external content.