Compostela, 8 de marzo do 2022 – O enlace orbital que rematará a unión entre a auto estrada AP9 e a autovía A54 avanza a bo ritmo e podería estar operativo na primavera do 2023.
Trátase dunha obra que completa a mobilidade nunha zona moi sensible como a entrada ao polígono de Costa Vella. O novo orbital permitirá a comunicación co aeroporto, e a autovía a Lugo, sen ter que saír da auto estrada como sucede na actualidade no sentido cara Santiago. A obra foi visitada este luns polo Delegado do Goberno, José Miñones, e o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo.
22 millóns de euros de investimento
O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana inviste 22,5 millóns de euros no orbital de Santiago que conectará a AP-9 coa A-54. Miñones destacou que a nova ligazón orbital de Santiago supoñerá un antes e un despois no desenvolvemento económico e urbano do norte de Galicia e da capital galega ao permitir unha circulación máis fluída, máis rápida e máis segura que a actual.
Ademais da nova conexión co aeroporto o orbital facilitará substancialmente a conexión cos polígonos do Tambre, Costa Vella e Sionlla, aliviando tráfico pesado e reducindo retencións en horas punta, tanto no Periférico como na ligazón de Santiago Norte.
Características técnicas do orbital
O orbital supón unha ligazón, de 1 quilómetro de lonxitude. A nova vía parte do km. 91 da A-54 na ligazón actual de San Marcos e conecta co km. 64,5 da AP-9. Ademais, executarase un pequeno tramo cara ao norte para enlazar co vial autonómico existente que dá acceso ao Polígono Empresarial da Sionlla-Costa Vella.
O novo enlace terá unha configuración tipo diamante con glorieta superior con catro ramais que permitirán realizar todos os movementos posibles entre a autoestrada AP-9 e a A-54. O vial terá unha plataforma con calzadas separadas, cada unha con dous carrís por sentido de 3,5 metros de ancho, mediana de 3,00 metros, beiravía exterior de 2,50 metros e interior de 1,00 metro.
Construiranse varias estruturas: dous pasos superiores para a glorieta elevada sobre a AP-9, unha ampliación dun paso inferior, a reposición dun paso superior na AP-9, un paso superior e un inferior para a reposición de camiños veciñais no tronco do vial de conexión, un desprazamento de pilas no tronco da A-54 para aloxar o tramo de trenzado e un muro de 356 m de lonxitude no ramal de saída da AP-9 dirección Santiago de Compostela.