Compostela, 15 de outubro do 2024 – Santiago ten festivais de todo tipo, desde cine a música ou libros. Pero Compostela é unha cidade máxica que non tiña o seu propio festival na materia, asi nace “Encantos en Compostela”.
A primeira edición do festival de maxia “Encantos en Compostela” celebrarase desde o vindeiro xoves ata o domingo. Están previstas unha vintena de actividades gratuítas e deslocalizadas en diferentes parroquias e espazos co obxectivo de levar a maxia a todos os recunchos do concello.
Xulio Merino, O Mago Paco, Sara Rodríguez e Óscar Fernández serán os responsables dos obradoiros e espectáculos, concibidos para maiores e pequenos, que se desenvolverán en espazos diversos e en horarios de mañá, tarde e noite.
Este maratón de ilusionismo está organizado pola compañía Magia en la Manga e conta co financiamento do Concello de Santiago de Compostela. O programa estrutúrase en grandes bloques: espectáculos familiares, funcións solidarias, obradoiros para todos os públicos e sesións de pequeno formato para adultos para viviren a maxia de preto.
Polas mañás, os pases solidarios serán os protagonistas, con actuacións en residencias de maiores e na aula pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), mais tamén será o momento dos obradoiros. Neles nenos e mais adultos poderán aprender sinxelos trucos e converterse en magos por un día para logo deixar a súa xente abraiada cos xogos de maxia aprendidos.
Nas tardes toda a familia está convidada a gozar con espectáculos de maxia participativa, entretida e divertida. As noites serán o momento das sesión de maxia de preto para adultos, unha oportunidade para experimentar o ilusionismo a escasos centímetros e nun ambiente íntimo.
Máis Encantos en Compostela tamén nace coa vocación de achegar a maxia a todos os recunchos da bisbarra compostelá e nesta primeira edición haberá actividades nas parroquias de San Lázaro, Laraño, Busto, Lavacolla, O Romaño, San Lourenzo, Marrozos, Conxo e Carballal, amais de no centro urbano.
Hai que salientar que o festival persegue tamén a diversidade, así que vai estar presente en lugares como residencias da terceira idade, hospitais, centros socioculturais e locais comerciais colaboradores. Toda a información sobre as 21 actividades previstas e mais as reservas para a maxia de preto están dispoñibles na web encantosencompostela.com.
Magia en la Manga
Magia en la Manga é unha compañía profesional de ilusionismo conformada por Óscar Fernández, Sara Rodríguez e Carlos Tomico, tres magos galegos con máis dunha década de experiencia sobre todo tipo de escenarios no territorio nacional. Os tres contan cun estilo propio pero comparten o obxectivo común de difundir e poñer en valor a maxia como arte escénica de pleno dereito.
Dende a súa orixe no 2018, Magia en la Manga especializouse en producións de formatos diversos para público familiar. Un ano despois da súa creación, no 2019, a compañía foi recoñecida no Pont-Up Store 2019 como o mellor proxecto de emprendemento na categoría de Formación, Educación, Arte e Cultura pola súa orixinalidade, calidade e profesionalidade. No 2023 converteuse na primeira compañía de maxia asociada a Escena Galega e abriu en Vigo a primeira escola de maxia de Galicia.