O festival “Encantos en Compostela” volverá encher Santiago de maxia entre o 10 e o 12 de outubro con máis de 15 actividades, entre espectáculos de maxia familiar, funcións solidarias e sesións de maxia de cerca.

Compostela é unha cidade máxica e sempre tivo oco para a maxia desde os vellos tempos nos que os rapaces se reunían no Dado Dada para ver e facer maxia. O festival “Encantos en Compostela” recuperará aquel espírito a vindeira semana.
Será a segunda edición de “Encantos en Compostela” e busca ofrecer unha experiencia para todos os públicos, combinando entretemento, participación e sorpresa. A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou a programación do festival, acompañada por Sara Rodríguez, Óscar Fernández e Eloy Fernández, por parte da organización.
Louzao lembrou que “Encantos en Compostela” é unha das propostas beneficiarias das axudas que o Concello de Santiago concedeu este ano para a realización de actividades culturais do sector profesional, coa finalidade de diversificar a programación da cidade e estimular o tecido cultural local.
O festival medra en extensión, saíndo do centro histórico e espallándose cara aos barrios e parroquias de Compostela para crecer en accesibilidade. E faino tamén en inclusión e solidariedade, con actuacións no Hospital Clínico Universitario e nas residencias de maiores para achegar ilusión a residentes e visitantes.
Nesta segunda edición, o festival, da o salto internacional traendo a prestixiosos e galardoados magos nacionais e estranxeiros como Gonzalo Albiñana, gañador do Gran Premio Extraordinario de Maxia 2023, e o recoñecido mago Axel Hecklau, cunha ampla traxectoria e varios premios mundiais no seu haber.
“Encantos en Compostela” reforza a súa aposta polo talento galego, contando coa participación de destacados magos e magas como Samuel Moreno, Eloy Fernández e Iago Saavedra ademais de Óscar Fernández e Sara Rodríguez, creadores do proxecto. Estes artistas traerán ao público espectáculos variados, desde a maxia familiar e participativa ata a maxia de cerca, coa que o ilusionismo se experimenta a poucos centímetros.
“Encantos en Compostela preséntase como unha celebración de creatividade, talento, e compromiso; unha mostra máis de que a cultura, alén de entretemento, pode e debe ser motor de cohesión social, participación e comunidade nesta capital cultural orgullosa de si”, afirmou a portavoz do goberno local.
Sara Rodríguez puxo o foco, como novidades importantes desta edición, no feito de contar con dous grandes referentes como o mago alemán Axel Hecklau, que o venres pola noite ofrecerá un espectáculo enfocado ao público adulto e Gonzalo Albiñana, gañador do Premio Nacional de Maxia
Pola súa banda, Óscar Fernández destacou a aposta pola maxia galega, coa participación de artistas locais. Eloy Fernández agradeceu a confianza do Concello e o apoio a “estes proxectos son os que contribúen a facer cidade”.
Toda a información sobre a programación, horarios e reservas para as sesións de maxia de cerca está dispoñible na web oficial: encantosencompostela.com.
Descentralización
Pola noite, a maxia transforma o centro urbano en espazo de ilusión e sorpresa coa celebración de sesións de maxia de cerca, que forman parte do programa local “Habelas Hainas” e se realizan en colaboración coa asociación Compostela Máxica.
Estas funcións, de acceso con entrada simbólica, permiten experimentar o ilusionismo a poucos centímetros, nun ambiente íntimo e envolvente, achegando o público a unha das expresións máis puras e fascinantes da maxia contemporánea.
Un ano máis, a maxia solidaria segue sendo un dos eixes centrais do festival. Nesta edición, levarase ilusión a tres residencias de maiores de Santiago e ao Hospital Clínico Universitario, garantindo que a maxia chegue a quen máis o precisa.
“Encantos en Compostela” é unha iniciativa da compañía Magia en la Manga, que conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela. Desde a súa primeira edición en 2024, o festival consolidouse como un referente cultural na cidade, promovendo a maxia como unha arte escénica accesible, inclusiva e familiar, e facendo de Santiago un espazo de encontro e descubrimento para artistas e público de todas as idades.
