Bisbarra, 18 de outubro do 2021 – Saen a exposición pública os proxectos de parques eólicos de Troitomil e Sete Fontes que afectan aos concellos da Baña e Negreira.
No caso de Troitomil exponse o proxecto de liña de alta tensión entre A Baña e Outes. Permanecerá nas dúas casas do concello por un período de trinta días e tanto A Baña como Negreira animan aos veciños a presentar alegacións e colaboraran con eles.
Por outra banda sométese a información pública o Estudo de Impacto Ambiental do parque eólico de Sete Fontes, que afecta aos concellos de Negreira e Outes. O proxecto contempla a instalación de nove aeroxeradores, rede subterránea de evacuación, subestación elevadora de tensión e liña de alta tensión. O período de exposicion é tamén de trinta días.
No portal da Delegación do Goberno pódense consultar todas as instalacións eléctricas sometidas a exposición pública no seguinte enlace.
Preocupación das asociacións
A semana pasada os colectivos Plataforma Quijote de Outes, Asociación Fonte Seca, Plataforma As Salgueiras, Asociación ambiental Petón do Lobo, Asociación galega Cova Crea e Plataforma veciñal O Cerqueiral emitían un comunicado onde mostraban a súa preocupación polos proxectos da bisbarra.
Os representantes vecñais acusaban á Xunta de Galicia de dar “trato de favor aos clústers empresariais e a vulneración flagrante do dereito de participación e de información pública dos proxectos”. Engadían que a publicación de 12 proxectos industriais en apenas un mes e medio “dificultan os dereitos de información e participación pública da cidadanía”.
As asociacións volvían a poñer o acento na “división artificiosa” dos parques para un mesmo ámbito xeográfico e alertaban das consecuencias da instalación de muiños de 200 metros de altura a 500 metros das casas e que afectan, en algúns casos, a espazos da Rede Natura.
