Compostela, 08/10/2026 – Universidade de Santiago de Compostela, UISC, acollerá o vindeiro 14 de outubro o obradoiro ‘LEGO® Serious Play®: Segundo a web da marca “LEGO® Serious Play® Comezou como un proceso experimental deseñado para o seu uso en obradoiros guiados con adultos· .
O obxectivo era fomentar o diálogo e a reflexión, así como desenvolver as habilidades de resolución de problemas e o uso da imaxinación. A actividade que se desenvolverá na USC propón “Traballa coa túa idea. Xera, crea e constrúe”.
LEGO® Serious Play® será unha actividade orientada a explorar de maneira práctica as posibilidades da economía social e das cooperativas para a posta en marcha de novos proxectos.
A sesión desenvolverase entre as 16.00 e as 19.30 horas, na Aula 3 da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, en Santiago de Compostela. Está dirixida a persoas emprendedoras, alumnado e persoas egresadas da USC e público en xeral.
A través da metodoloxía LEGO® Serious Play®, as persoas participantes poderán construír e analizar unha idea de proxecto, identificando a súa clientela potencial, as súas necesidades e barreiras, así como a proposta de valor que se pretende ofrecer.
O obradoiro abordará tamén o traballo en equipo, as posibilidades de cooperación e a forma de comunicar o proxecto de maneira breve e efectiva. A finalidade da actividade é facilitar o desenvolvemento dunha idea de proxecto colectivo e viable, explorando as posibilidades que ofrecen a economía social e as cooperativas como fórmulas para impulsar novas iniciativas.
A inscrición permanecerá aberta ata o 12 de outubro ás 12.00 horas, nun formulario en liña e as prazas son limitadas. Ademais, as persoas participantes poderán acceder a asesoramento gratuíto para avanzar na creación do proxecto.
A actividade enmárcase nas actuacións da Rede Eusumo, impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o fomento do cooperativismo e da economía social.

