Ames, 1 de marzo do 2018 – A obra Elisa e Marcela, unha coprodución da Panadaría co Centro Dramático Galego, será representada este venres, 2 de marzo, na Casa da Cultura de Bertamiráns, en Ames, ás 21:00 horas.
A peza narra a historia de dúas mulleres, Elisa e Marcela, que casaron no 1901 na igrexa de San Xurxo na Coruña converténdose no primeiro matrimonio homosexual de España. Dirixida a un público adulto, a obra aborda en clave de humor o casamento e os posteriores sucesos que envolven a súa historia. As actrices Areta Bolano, Noelia Castro e Alién Kendelman son as protagonistas desta peza, cuxa dirección correu a cargo de Gena Baamonde.
As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica. Tamén se poden mercar anticipadamente nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse, como é habitual, para vender de xeito presencial desde unha hora antes do comezo do espectáculo.
