Bisbarra, 23 de xaneiro do 2024 – A compañía Elefante Elegante estrea este sábado en Muros “Kyoki”, unha peza que aborda o tema do Alzhéimer desde unha perspectiva xestual, tenra e pensada para toda a familia.

“Kyoki” está firmada polos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro. Trátase dunha viaxe emotiva da infancia á vellez a través da memoria. A estrea será no Centro Cultural e Xuvenil de Muros este sábado, 27 de xaneiro, ás 18.00h. As entradas poden reservarse xa nas oficinas do espazo ou a través da páxina web.
Protagonizada por María Torres, baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro, “Kyoki”, palabra que significa “demencia” en xaponés, é unha creación destinada ao público infantil e familiar a partir dos 6 anos. A peza investiga, dun xeito poético e cómico, sobre a alteración da capacidade para recordar, pensar ou tomar decisións.
Se ben é certo que esta condición adoita aparecer en persoas de idade avanzada… Quen nunca esqueceu onde colocou a caixa das galletas? Ou, quen, por distracción, non vestiu nunca o xersei do revés? “Kyoki” quere ser unha ollada sensible ás experiencias que viven tanto as persoas que precisan ser coidadas como as propias coidadoras.
O xogo teatral da peza baséase no traballo plástico da corporalidade da protagonista en escena e na súa constante interacción cos elementos escenográficos, unha secuencia dramatúrxica na que a imaxe é a protagonista.
“Kyoki” é un espectáculo sen palabras que reúne artes do movemento, artes plásticas e unha rigorosa sintonía dos xestos coa música instrumental orixinal. Na historia están presentes tres personaxes: a avoa, a súa filla e unha doutora; todas elas representadas pola actriz protagonista.
O espazo escénico está construído para evocar ao mesmo tempo unha casa, un hospital e a rúa. Deseñada para funcionar como o lenzo dun pintor, a escenografía é un fondo estético que pouco a pouco é habitado polo corpo da intérprete e polos obxectos por ela manipulados, co obxectivo de manter sempre viva unha composición pictórica xerada por formas, cores e movementos.
O fondo azul con liñas que se cruzan de xeito irregular en ángulos rectos está dotado de varias aperturas camufladas, cuxo funcionamento permite a entrada e saída de innumerables elementos escénicos provocando suxestivos e reveladores efectos sorpresa.
Elefante Elegante
O Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar temáticas de carácter social e existencial.
As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa a danza, a música e as artes visuais. Os espectáculos do Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflexan unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.
O xogo teatral baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos. A narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construción da trama teatral.
O corpo contén en si mesmo todos os segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na organicidade do dispositivo escénico e na dinámica pictórica da organización do espazo sonoro e literario. A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no ano 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia en 2007.
O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos. En escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica en torno ao xogo corporal. Actualmente, o Elefante Elegante ten a súa sede no Concello de Culleredo (A Coruña), onde é compañía residente. Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares desde o ano 2013.
