A Baña, 27 de marzo do 2019 – Os socialistas de A Baña elixiron por unanimidade a José Antonio Pereira Gil candidato socialista á alcaldía do municipio na asemblea celebrada na Casa do Pobo.
José Antonio Pereira é o actual portavoz socialista no concello e repite candidatura nas eleccións do próximo 26 de maio. “A Baña precisa dun novo rumbo, o tempo de Andrés García Cardeso e do Partido Popular chegou ao seu fin; nesta nova convocatoria electoral estou convencido de que non se nos vai escapar o quinto concelleiro, e digo máis: saímos a pola maioría absoluta”, afirma o candidato do PSOE.
Para Pereira Gil, esta nova elección dos militantes supón “un reto moi importante desde o punto de vista persoal e político, é a continuidade dun proxecto iniciado hai cinco anos, o PSOE ten que liderar o cambio en A Baña”.
Durante a asemblea, na que participou o 86% da militancia local, mostrouse tremendamente agradecido pola confianza recibida por parte das compañeiras e compañeiros da Agrupación Socialista de A Baña.
“Estou convencido de que A Baña é merecedora dun cambio de ciclo, os veciños queren cambio e loitarei para que a presente lexislatura sexa a última en mans do Partido Popular despois de 24 anos”, engade Pereira.