Entrevistas de cara ás eleccións municipais do 2027. Todas as entrevistas completas en https://buymeacoffee.com/lindeiros
Compostela, 19/10/2026 – Borja Verea e o líder do Partido Popular en Santiago d0e Compostela. No 2023 estivo a piques de conseguir a maioría absoluta e recuperou todo o perdido polo PP nos anos anteriores.
Durante todo o mandato, mesmo desde o día da toma de posesión de Goretti Sanmartín, fixo unha oposición sen concesións defendendo os seus postulados ata o final. Algúns dos seus posicionamentos provocaron controversias como a abstención que axudou a seguir sen iniciar o proceso de concesión da xestión da auga ou a negativa ao cambio de nome do Colexio Santiago Apóstolo.
Mantense nos seus postulados sen que sexa doado entrar nun mínimo debate, o seu programa, de chegar a ser alcalde, terá que funcionar porque concretou tanto as medidas e confiou tanto en elas que calquera pequeno contratempo poderá ser visto como un fracaso.
Cando falamos con Goretti Sanmartín , pedimos que nos dixera algunhas das cousas que non saíron como estaba pensado; nun exercicio de honestidade falou dalgunha delas. A Borja Verea pedímoslle que nos dixera algunhas que pensaba que estaban ben feitas en este mandato pero o certo é que pensa que non hai ningunha.
Quixemos entón preguntarlle por unha frase que repite a miúdo. O líder popular fala de que os últimos 12 anos levan gobernando os mesmos e a cidade non mellorou. Con algo de retranca dicimos que si no canto de doce anos collemos 16, quedámonos sen políticos aos que votar. Para Borja Verea nin son os mesmos tempos nin el é o mesmo que os que gobernaron aquel mandato.
Compostela ten sobre a mesa moito temas que, xa sexa pola presión da rúa ou da oposición, están sempre nos xornais e nas declaracións. A seguridade é un deles e os últimos datos falan dunha baixada do índice de criminalidade. Galicia é unha comunidade segura comparada co resto de España, moitos dos delitos son por internet así que non se traducen nunha inseguridade de rúa. O certo é que estes datos fan que os feitos sexan uns e a percepción da veciñanza varíe moito segundo a quen se lle pregunte. Verea propón máis policías, cámaras de vixilancia e unha cidade mellor iluminada.
A vivenda é outro de eses temas que están no centro de todo o que está a suceder, non só en Santiago, en todo o país. Verea propón construír máis e para iso é preciso modificar o Plan Xeral de Ordenación Urbana. Ao mesmo tempo confía en que un banco público de aluguer anime aos que teñen pisos baleiros a que os cedan a ese banco.
O pago a provedores foi un quebracabezas para o goberno local ao longo de todo o mandato. Os retrasos acumulados máis problemas de funcionamento interno fixeron que en algúns momentos os retrasos foran insostibles. O líder popular comprométese a que no primeiro ano de mandato, de ser alcalde, reducira o período de pago a 30 días.
Tedes a entrevista completa e sen corte no seguinte enlace https://buymeacoffee.com/mpardo651/municipais-2027-borja-verea-voceiro-parido-popular-de-santiago , e se queredes colaborar co traballo que facemos podedes convidarnos a un café virtual.
E, en certo modo, de xeito paralelo ao pago a provedores está o último problema de impago ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. Borja Verea cre que o goberno municipal dispón de todas as medidas administrativas para que isto non suceda.

Ao candidato do Partido Popular non se lle pode negar a concreción nas propostas. Tanto as explica que de ser alcalde vai ser escrutado ao milímetro. É un mérito falar así porque nun concello como Santiago o inesperado sempre pode suceder, cando un pensa que todo vai como debe ir sempre pasa algo, así que o valor de Borja Verea é evidente.
Faltan meses para as eleccións, a presión do líder da oposición foi tal en este mandato que a estas alturas pouco máis pode facer que non sexa repetir as súas propostas e denunciar o que considere que se fai mal. As furnas decidirán os resultados pero a Borja Verea só lle serve un xa que, de non ter maioría absoluta, sabe que no outro lado haberá pacto.
