A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantén unha reunión de traballo co alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez.
Frades, 28 de setembro do 2026 – Roberto Rey está rematando o seu terceiro mandato como alcalde, aínda que hai que sumar tres anos (2012 a 2015) cando substituíu a Miguel Prado que dimitira para ir nas listas autonómicas do Partido Popular.
Este foi un período complicado no que estivo bastante tempo de baixa por asuntos persoais. Aínda así nunca deixou de estar pendente dos asuntos municipais e pódese dicir que coñece á perfección o seu concello.
Roberto Rey recoñece esas dificultades persoais no mandato pero a valoración que fai na parte política e duns anos tranquilos, nos que os proxectos previstos foron saíndo pouco a pouco adiante. Menciona explicitamente a ampliación da potabilizadora; un acordo coa Xunta que cando fixemos a entrevista estaba a piques de asinarse e así sucedeu poucos días despois.
A ampliación da potabilizadora é unha das obras máis importantes do mandato pero da ademais unha visión do concello moi particular, mesmo sorprendente. Frades ten pouco máis de dous mil habitantes pero bastantes explotacións gandeiras; as vacas consumen cinco veces o que un ser humano polo que o concello na actualidade está subministrando auga para o equivalente a unha poboación de 30.000 persoas. Na entrevista completa afondamos algo máis en este particular.
Outro dos servizos básicos no rural e a asistencia aos maiores. O Servizo de Axuda no Fogar pero tamén o comedor sobre rodas, podoloxía, fisioterapia… de feito Frades está nomeado pola Deputación como un dos mellores concellos en servizos sociais de toda a provincia.
Roberto Rey explica que non está pensando nas eleccións e o certo é que ten sobre a mesa moitos proxectos. Destaca a ampliación da potabilizadora, xa mencionada, e a senda de Aiazo na que levan traballando oito anos e que depende da Deputación.
Cando diciamos ao principio que Roberto Rey coñecía o seu concello era porque en calquera conversa un pode preguntar por calquera cousa e o alcalde comeza a dar datos, tempos, proxectos e estado no que se atopan, etc.
Pode que o máis importante non sexa ese coñecemento se non a implicación que se ve e que, despois de tanto tempo, segue tendo ganas de facer o mellor polos seus veciños. Convidamos a escoitar a entrevista completa porque paga moito a pena.
