A piques de comezar a festa dos Goya deste ano, aproveitamos para falar dunha das favoritas para levalos recoñecementos máis importantes coma é EL REINO de Rodrigo Sorogoyen pero tamén a agardada estrea do GREEN BOOK de Peter Farrelly e a secuela, non tan afortunada, do CREED (2015) de Ryan Coogler, que para a ocasión muda de director e presenta o “orixinal” título de CREED II e inclúe, polo momento, a Stallone.
Ao marxe das calidades interpretativas de Sylvester Stallone temos que recoñecer que o actor soubo reconverter a súa carreira por uns sendeiros que non sospeitábamos nos Oitenta cando era icona imbatible do reaganismo máis expansivo. Coma unha deriva penosa, cada nova secuela das franquías do púxil Rocky Balboa ou do estoupa cachelas John Rambo fundía máis e máis o respecto co actor conseguira coas producións orixinais.
Pero mirade por onde, o mozo Sly que sempre tentou ser un actor dramático na senda do seu colega Al Pacino, soubo reinventarse xa cando moitos agardan o xubileo laboral, e doulle unha volta de torca revestida dunha certa dignidade argumental os seus dous caracteres máis famosos.
Dicimos que no 2015, Stallone, da man do director Coogler, recuperaba a figura mítica do fillo de Philadelphia nun filme sorprendentemente positivo, xogando coas lembranzas dos filmes do 1976 e 1979, mesturándoas sabiamente coa nova historia de Adonis Creed, o fillo de Apollo que tenta ser profesional do boxeo e que grazas a influenza de Balboa consegue o triunfo total.
Para esta continuación, dirixe o novel Steven Caple Jr. que limítase a seguilo rastro deixado por Coogler sen moitas estridencias artísticas. Sospeitamos que no set vai moito asesoramento por tentar replicar o contido visual da primeira parte. Non é mal produto, pero non emociona o máis mínimo a pesar de sacarse da chistera o conexo de Ivan Drago e o seu vigoréxico fillo Viktor, que coma seu pai, vai repartindo coces saídas dos seus puños coma se non houbera un mañá.
A historia é ben sinxela. Un promotor de eventos ve un grande negocio na xuntanza dos fillos de Creed e Drago. Balboa non o ten claro, pero ao seu pupilo férvelle a sangue por vingar a morte do seu pai a mans do terrible Ivan. Coma supoñedes, Rocky levaba razón, as cousas non saen como os novos fans da saga e xa temos epílogo final para a derradeira hora. Nada que non víramos no pasado. Mantén un certo coidado nas coreografías das pelexas, pero para darlle unha credibilidade maior a edición tería que ser mellorable (non falamos de Thelma Schoomaker, pero un pouco máis de sentidiño tampouco ía mal).
Vai un coidado na hora de elaborar os personaxes secundarios, levando tempo nas súas argumentacións, pero nin por asomo leva os loureiros do filme do 2015. Os fans dos filmes de Rocky botarán sorrisos de complicidade polas chiscadelas continuas que fan na película e non moito máis. Pódese ver e de seguro haberá máis secuelas (sen Stallone, case con seguridade), pero así coma o filme de vai catro anos foi un achado non sospeitado, aquí é a mesma goma de mascar pero sen sabor ningún.
Diciamos na cabeceira que a grande gala do cinema español vai arrancar neste sábado 2 de febreiro cun nivel bastante cuestionable polas omisións de determinados filmes (pero acontece sempre non só nos Goya, senón en tódolos recoñecementos dos diferentes certames internacionais).
Coma unha das grandes favoritas, EL REINO de Sorogoyen é unha boa película coma proposta cinematográfica estrita, moi áxil no seu ritmo narrativo, axudada por unha montaxe de moito mérito e cunhas excepcionais interpretacións na maioría dos seus roles (o de Antonio de la Torre, intérprete da magnitude intensa dun Robert de Niro, se está a ser ben dirixido é un prodixio coma o gozado na LA NOCHE DE 12 AÑOS). Pero coxea na súa tentativa de denuncia da corrupción sistemática e endémica dun determinado partido político que usou os seus tentáculos organizativos para crear unha trama de financiación delituosa que chegou a tódalas actividades posibles e imaxinables a nivel estatal e máis alá das fronteiras patrias.
O filme non arrisca a pronunciar nomes nin comunidades que todos recoñecemos con facilidade, quizais non faga falla, pero a mensaxe dada que son as direccións nacionais dos partidos políticos as que tenta resolvelo problema da corrupción é de risa. Non cola e tampouco podo entender na lista de agradecementos a inclusión de nomes coma Cristina Cifuentes ou David Marjaliza, por exemplo.
Para bater conciencias e abrilos ollos do rabaño adormecido polos somas catódicos quédome co filme B (2015) de David Ilundain, que de maneira moi sinxela e explícita, incomoda a segundo que personaxes que seguen campando polas súas anchas nesta sociedade tan pútrida de corrupción, enraizada dende tempos case inmemoriais e que coma unha metástase imparable emporca todo aquelo que toca.
O cáncer da Democracia non son as propostas populistas ou extremas. É a corrupción. E mentres non haxa unha concienciación total na poboación de que temos a obriga ética de mellorar as institucións con referentes que están na altura da dignidade que exixe os postos relevantes do Estado, non conseguiremos nada. Vai todo na base social. Se os diferentes gobernos que van rotando no Poder, non fan por ilustrar e educar as xentes non haberá esperanza de legar un futuro mellor os nosos fillos.
Para mañá sospeito que haberá dura pugna entre esta longametraxe e TODOS LO SABEN de Asghar Farhadi, por que a ben intencionada CAMPEONES xa tivo o premio da recadación nas salas cinematográficas e CARMEN Y LOLA y ENTRE DOS AGUAS danse con canto nos dentes por estar xa na quenda das nomeadas. Sairemos de dúbidas e xa vos contaremos, co desexo que o filme do monfortino Dani de la Torre, LA SOMBRA DE LA LEY, poda levar os premios nos diversos apartados técnicos (con xustiza, merecedores dabondo).
E coma peche por hoxe, o moi celebrado primeiro drama do cineasta Peter Farrelly, cineasta que xunto o seu irmán lembramos por esas comedias de trazo moi groso, onde a escatoloxía cómica, o bizarrismo máis exaxerado e as propostas máis politicamente incorrectas eran as notas pedais que aderezaban as historias imposibles que, na maioría das veces gozamos sen culpa coma chistes cinematográficos que xentes coma Godard non entenderían xamais.
GREEN BOOK é a historia real do compositor de jazz afroamericano Don Shirley que no ano 1962 vai de xira polos estados sureños dos EE.UU. co seu chofer Tony Lip, rudo italo-americano criado no Bronx, acostumado a gañarse as fabas cos seus talentos oratorios, o seu voraz apetito e cando fai falla, cos seus puños. Para tal viaxe, acompañan tamén os dous músicos que conforman o trío jazzístico, roles menores, pero que con fortuna veñen a revelar as motivacións reais do pianista por querer facer unha xira tan problemática.
Non vou aforrar eloxios para un filme no que botamos unha boa cantidade de sorrisos, algunha risa e que sorprende pola intelixente denuncia dos feitos dos que somos testemuña. A secuencia onde o coche ten unha avaría no medio dun prado onde están a traballar campesiños de cor negra é magnífica.
Pero non só ten intres memorables. Como filme é do mellorciño do que levamos visto no ano e seguro que na Lista Mandingo do futuro decembro terá cabida por que a fermosura das imaxes desta road movie, a química entre o bo intérprete Mahershala Ali e o aínda moito mellor actor Viggo Mortensen (¿daranlle por fin o Oscar que tanto merece?) e a excepcional conxunción das diversas artes, fan de GREEN BOOK un filme de obrigada visión.
De tódalas nomeadas para os Oscar que daranse este mes que xa tiven oportunidade de ollar, só a ROMA de Cuarón é superior na calidade global. A película de Farrelly ten o recoñecemento de personalidades da cultura e do espectáculo estadounidense coma Quincy Jones ou Abdul Jabbar e non semella que as queixas dalgún familiar do pianista pola verosimilitude na trama vaian prexudicar o éxito do filme.
Non perdades o tempo e ide correndo a gozar desta marabillosa produción. Que non vos despiste o apelido de Farrelly. Non ten nada que ver con respecto aos seus anteriores traballos. Non vos arrepentiredes.
Coma adianto, os anuncio que proximamente co Xornal Lindeiros mándame para terras trumparianas para ollar os filmes candidatos aos Oscar e poder facer a xa tradicional aposta das triunfadoras. Xa sabedes que estades todos invitados a participar nela.
Pero aínda quedan estreas por escribir delas na vindeira crítica do venres 8.
Mais nada por hoxe. Vémonos nos cinemas.