Val do Dubra collera os vindeiros 11 e 12 de outubro o Congreso Galego de Bonsái con charlas e demostracións sobre esta arte.

O evento terá lugar no Pavillón Municipal en Bembibre, con entrada gratuíta para todo o público, e que xa se converteu nunha referencia dentro da autonomía.
Durante dous días, os asistentes poderán gozar dunha ampla programación que inclúe demostracións en directo, conferencias especializadas e o esperado Concurso de Bonsái, con premios en diferentes categorías e recoñecementos especiais.
Descarga o programa completo do congreso
Entre os participantes no congreso estarán recoñecidos mestres como Pablo Comesaña, Germán Colmenares, David Ruiz e Gabriel Corral, que compartirán a súa experiencia a través de demostracións e charlas.
A xornada do sábado contará tamén co Concurso de Novos Talentos, mentres que o domingo destacarase coa gran demostración conxunta de David Ruiz e Germán Colmenares.
Bembibre acolleu a presentación nas instalacións de Alberto Baleato, veciño de Val do Dubra que rexenta a empresa Kingii que comercializa bonsáis e produtos relacionados co sector e que ademais é parte organizadora do evento.

Na presentación participaron tamén o seu pai Manolo Baleato, o alcalde de Val do Dubra, Diego Luis Díaz e o tenente alcalde, Antonio Negreira.
Alberto Baleato leva desde o ano 2000 participando en cursos de formación en Madrid, Milán e Xapón. Desde o 2015 comercializa bonsáis en Galicia, España e paises europeos como Italia ou Noruega.
Baleato destaca que os 15 anos do congreso reflicten “a consolidación dun evento que reunirá exemplares a nivel nacional e incluso con exemplares chegados de Portugal”. Baleato resalta que este sector é “95% agricultura e 5% cultura” e anima a aqueles que queiran iniciarse a informarse e formarse “con persoas que poidan compartir o seu coñecemento, ben a través das asociacións que hai en Galicia ou cos profesionais da técnica”; xa que se trata de “obras inconclusas” que hai que coidar e precisan dedicación. Cada semana hai talleres de balde en Kingii co fin de compartir o coidado e necesidades das especies.
O alcalde de Val do Dubra, Diego Luis Díaz, agradeceu a Alberto Baleato, como promotor deste evento, a súa ”boa disposición e facilidades para volver traer de volta o congreso a Val do Dubra” sinalou que “é unha honra que, despois de anos, o noso municipio volva acoller esta importante cita do bonsái, que une cultura, natureza e que atrae visitantes ao municipio, poñendo en valor o seu potencial e o das empresas locais” e convida a veciños e visitantes a achegarse e gozar da exposición e actividades.
Pola súa parte Antonio Negreira apuntou como “moi positiva” a colaboración entre o concello e a organización poñendo a Val do Dubra como referente dun evento que ”dará a coñecer o municipio e o potencial turístico na contorna de Compostela, ademais de ser inspirador e motivacional para outras persoas que queiran levar a cabo iniciativas en nichos tan específicos e á vez tan creativos como é esta técnica e o cultivo de bonsáis”.
Anima a vir ver a mostra dunha técnica que mistura “a natureza coas habilidades humanas para dotar estas especies dunha beleza singular”.
Aberta a inscrición para participar no Concurso de bonsái
A participación no concurso é gratuíta e está aberta a todos os afeccionados. Cada participante pode presentar ata tres composicións, enviando previamente unha fotografía da proposta ao correo kingii1@hotmail.com antes do 20 de setembro.
A organización fará unha selección das obras que se exhibirán durante o Congreso.
Establécense tres categorías segundo o tamaño da árbore (ata 25 cm, de 25 a 65 cm e máis de 65 cm; a altura é sempre sen contar a maceta.
As mellores composicións recibirán os Premios Camiño de Santiago, ademais doutros recoñecementos especiais: Premio á composición máis “Divina”, Premio ao mellor bonsái autóctono (patrocinado por Biorend) e Premio do público.
As árbores deberán montarse no recinto o venres 10 de outubro antes das 21.00 h e recollerse o domingo 12 de outubro ás 14.00 h. Cada expositor será responsable do coidado dos seus exemplares durante o Congreso.
