Compostela, 2 de outubro do 2018 – Fernando Abreu e Pablo Carrera, Dous, estarán este xoves na Casa das Crechas a partir das nove da noite e cun prezo de 6 euros.
Dous chegan en formato cuarteto para presentar o seu terceiro disco, ‘A viaxe de Yoyo’. Este disco narra, a través das súas cancións, a apaixonante viaxe de Yoyo, un rato afable e soñador que un bo día decide abandonar a seguridade da súa tobeira na procura de aventuras, co desexo de descubrir lugares distintos e facer novos amigos.
Así, coñecerá a Tutú en Brasil, viaxará por Europa do Leste, baixará ás profundidades do océano, cantará á lúa chea en África, visitará os xardíns máis fermosos, asistirá a un baile de máscaras e vivirá mil e un paripés ata rematar nun deserto imaxinario onde descubrirá que a maior viaxe está no seu ollar das cousas, de si mesmo e dos demais.
Dous presentaron A viaxe de Yoyo no ano 2017, editado baixo o selo galego Nakra e no que continúan na liña marcada nos seus traballos anteriores, mesturando influencias de músicas do mundo e improvisación para crear un repertorio de composicións propias que afondan na procura da emoción por riba do virtuosismo técnico, convidando ao ouvinte a unha viaxe a través dos sentidos.
Dous
Este duo nace alá polo ano 2001 cando Fernando Abreu e Pablo Carrera se coñecen durante a gravación do primeiro disco de Mercedes Peón. A partires daquel encontro realizan sesións de improvisación que deixan gravadas e que servirán tempo despois como base das composicións recollidas no seu primeiro traballo, sÓ sOn sOns (Falcatruada, 2008). No ano 2012 publican DOUS (Nakra), un conxunto de pezas onde a melodía e as músicas populares do mundo sitúanse na base da súa creación.
Ao longo da súa traxectoria tamén teñen traballado na creación dos espazos sonoros dos espectáculos teatrais A Paz do Crepúsculo e García, dirixidos por Candido Pazó. A súa música serviu de acompañamento en varios traballos audiovisuais e en obradoiros de arteterapia por toda a península, formando parte do equipo VOArte xunto a Victor Orive. Estas experiencias foron cruciais para levalos a afondar na capacidade terapéutica da música.
Dous ten sido finalista dos Premios Martín Codax da Música Galega en tres edicións dentro da categoría de Músicas do Mundo.
