Dolores é unha muller que atesoura a tranquilidade dos anos, que conserva ese espírito resignado tan galego que serve tanto para un roto como para un descosido mentres infunde calma a calquera situación.
Naceu en Santa Cruz de Rivadulla, Vedra, aínda que a maior parte da infancia pasouna en San Miguel de Vilar, Touro, onde o seu pai exercía de mestre da unitaria e a onde chegou con catro anos. Foi unha etapa que lembra estrañando Santa Cruz onde os momentos eran máis divertidos e o tempo pasaba máis rápido. Non sería até os 12 anos que volvería alí de xeito definitivo.
Iso que hoxe se chama pre adolescencia pasouna Dolores axudando nos labores do campo e aprendendo a coser, unha das súas grandes paixóns que segue aínda practicando. Aínda que por aquel entón ela non o sabía era unha persoa de cidade, agradáballe a liberdade do campo pero o coidado dos animais ou as colleitas segue lembrándoas como algo moi duro.
Polo Apostol e a Ascensión viña a Santiago a casa dunhas tías que acabarían por emigrar a Arxentina. Coa súa curmá percorría a cidade, acudía ás atraccións, carruseis, Barriga Verde, o tren da bruxa… e tamén ás primeiras verbenas. Lembra aínda a zona destinada a baile que se atopaba na parte posterior da alameda e onde acudía a famosa orquestra de Carlos de Paz.
A música é outra das súas afeccións e desde os 15 anos participou en distintos coros. O primeiro o do mestre Paulino Castro que foi tamén o primeiro que se constituíu en Sta Cruz de Rivadulla, despois virían outros moitos o último deles no mesmo lugar no que empezou, en Sta Cruz aínda que agora sexa de adultos.
Tivo a posibilidade de facer as probas para entrar en Radio Galicia pero a familia non vía con bos ollos aquela idea que lles debía parecer cousas demasiado modernas e ao final a posibilidade non pasou de intención.
Pero non sería en Santiago onde atoparía ao que segue sendo o seu marido, foi na festa do Patio en Vedra e dous anos despois mudaríase xa a Compostela como recentemente casada. Viviu todo o cambio da capital de Galicia cos ollos asombrados de nena que segue tendo a pesar de superar os 80, segue mantendo a desenvoltura daqueles 15 anos e a serenidade dunha muller que creu sempre saber cal era o seu sitio.
Compostela, 29 de novembro do 2014