Bisbarra, 3 de xaneiro do 2024 – O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou o Concello de Dodro, onde mantivo un encontro co alcalde da localidade, Xabier Castro.
Blanco e Castro repasaron os distintos proxectos que ten en marcha o municipio. Tamén tiveron ocasión de analizar as posibles vías de colaboración do Goberno de España para continuar coa mellora dos servizos públicos en Dodro.
No transcurso da xuntanza, o delegado puxo en valor o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez cos municipios galegos, “con todos e cada un deles, tanto cos grandes como cos concellos rurais como o de Dodro”, que están a transformarse e modernizarse grazas aos distintos programas de investimentos estatais e aos fondos do Plan de Recuperación.
Pedro Blanco citou actuacións no concello como a mellora da iluminación pública municipal ou a intervención de Costas para restablecer os ecosistemas e os espazos degradados na Marisma de Dodro. Unha intervención que actuou nun espazo de especial valor ecolóxico para retirar as árbores inestables ou enfermas e tamén eliminar as especies alóctonas e invasoras ao longo dunha franxa costeira de máis de 6 quilómetros na Marisma
Estes traballos forman parte das actuacións de tratamento da vexetación e recuperación do dominio público marítimo terrestre que leva a cabo a Demarcación de Costas da Coruña por importe de 2,3 millóns de euros na provincia, de Dodro.
Estas iniciativas súmanse ao proxecto para completar a extensión da banda ancha no concello no marco do Programa UNICO do Goberno, que vai permitir levar a conexión de Internet de altas prestacións a 88 familias e empresas que ata o de agora carecían deste servizo.
“Estes son algúns exemplos do compromiso do Goberno cos pequenos concellos, coa mellora da súa contorna e das condicións de vida dos seus habitantes e ao longo deste ano 2024 imos continuar traballando nesta liña, da man dos concellos galegos, para dar resposta ás demandas e necesidades dos veciños e veciñas”, avanzou o delegado.