Dodro, 16 de maio do 2022 – O vindeiro mércores a Asociación Forestal de Galicia manterá unha reunión en Dodro, sobre a nova Lei de Montes Veciñais, coas Comunidades afesctadas.
O encontro forma parte do proceso de revisión da nova Lei de Montes Veciñais en Mancomún que se está impulsando desde a Xunta de Galicia. A intención da Asociación Forestal de Galicia é explicar as súas propostas e sometelas a debate para enriquecer o texto final. A cita no local da asociación de veciños San Xoán de Laíño, a partir das 19.30 horas.

Desde xaneiro deste ano, a Consellería do Medio Rural iniciou o proceso para modificar a Lei de montes veciñais en man común. A tal efecto solicitou dos membros do Consello Forestal de Galicia (do que forma parte a Asociación Forestal de Galicia) que achegaran unha relación dos puntos que cada organización consideraba fundamental revisar, mellorar e/ou borrar ou ampliar na lei actual.
A AFG ten recompilado os problemas máis destacables que presenta a actual redacción da lei de montes veciñais en man común, a partir da súa experiencia de 36 anos traballando coas comunidades de montes. Estas ideas recóllense nun documento que xa se lle presentou á Consellería do Medio Rural e que agora sométese a debate dos implicados. De estes debates sairá o texto da nova lei.
Propostas
Entre as cuestións máis importantes está a condición de veciño o comuneiro xa que é un motivo habitual de disputa. Por outra parte, é necesaria unha certa flexibilidade para facilitar o funcionamento de comunidades do interior galego, en franco declive poboacional.
Tamén se falará da introducir na lei o concepto de colectividade de orixe xermánico das comunidades de montes veciñais.
Outra das perspectivas a abordar é o recoñecemento xurídico. Nos últimos anos ampliouse a capacidade xurídica de obrar das comunidades de montes veciñais e debe recoñecerse na lei.
Por outra banda é preciso revisar a composición do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común (artigo 10), introducindo un maior compoñente técnico e unha nova forma de elixir, por municipio, ao vogal representante das comunidades veciñais, engadíndolle a función de arbitraxe. Cabería tamén debater unha fórmula sinxela para posibilitar a “fusión” de comunidades, sobre todo de lugares dentro dunha parroquia, creando unha nova comunidade conxunta.
A propia organización das comunidades con número elevado de comuneiros, é difícil acadar o quórum mínimo requirido actualmente e isto pode prexudicar a toma de acordos necesarios para a xestión do monte, polo que se fai necesario habilitar fórmulas que poidan permitir unha xestión do listado do comuneiro ante reiteradas faltas de asistencia por un elevado número deles.
É moi importante actualmente introducir un artigo 3 específico sobre titularidade dos camiños e pistas forestais existentes no monte veciñal, así como sobre a necesidade de formalizar contratos coas sociedades de caza que inclúan os montes veciñais nun TECOR.
O crecente uso social dos montes está causando conflitos cos propietarios dos montes veciñais, existindo numerosos casos de camiños e pistas forestais identificados no Catastro e inventarios municipais como de dominio público, cando sempre foron camiños comunais (privados) de servizo do monte.
Estas e outra cuestións serán as debatidas na reunión do vindeiro mércores en Dodro.