O concello de Dodro rematará o ano reducindo novamente o volume de residuos que envía a SOGAMA. Co propósito de intensificar esta tendencia e ampliar o alcance da compostaxe doméstica o municipio solicitará unha subvención á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a adquisición de 220 novos composteiros.
O obxectivo final é que un maior número de fogares poidan beneficiarse deste servizo. A iniciativa desenvolverase en colaboración cunha empresa especializada, que se encargará tanto da formación como do seguimento da veciñanza participante, garantindo un uso correcto e eficaz dos composteiros.
Un traballo continuado
Dodro reafirma o seu compromiso cunha xestión responsable dos residuos urbanos, apostando pola redución, reutilización e reciclaxe como xeito de avanzar cara a un modelo máis sostible e respectuoso co medio ambiente.
Nos últimos anos, o goberno municipal vén desenvolvendo diversas actuacións orientadas a mellorar a xestión dos residuos e a facilitar a implicación activa da veciñanza.
Entre estas iniciativas destaca a habilitación dun terreo municipal destinado ao depósito de ramas e restos de poda, que posteriormente son triturados, permitindo unha xestión máis eficiente e sostible dos residuos vexetais.
Ao mesmo tempo co obxectivo de achegar os servizos de reciclaxe á cidadanía, o Concello de Dodro puxo en funcionamento un punto limpo móbil que percorre as distintas parroquias do municipio, facilitando a correcta separación dos residuos e promovendo hábitos responsables entre os veciños e veciñas.
Outra das liñas estratéxicas de actuación foi o impulso da compostaxe doméstica. Dodro solicitou novamente a colaboración de SOGAMA, que se comprometeu a repetir a experiencia de anos anteriores cedendo 30 composteiros, acompañados de material informativo e da realización dunha charla formativa dirixida á veciñanza, co obxectivo de fomentar unha correcta xestión da fracción orgánica nos fogares.
Estas actuacións contribúen de maneira directa á protección do medio ambiente e, ao mesmo tempo, permiten conter o incremento dos custos asociados á xestión dos residuos, apostando por un modelo máis sostible, eficiente e economicamente responsable para o conxunto da cidadanía de Dodro.
