Bisbarra, 20 de setembro do 2024 – Si hai uns dias contabamos as reclamacións da corporación de Brión para o CEIP de Pedrouzos hoxe falamos da comunidade escolar do CPI de Dodro que tamén se dirixe á Consellería para reclamar máis profesorado.
A ANPA de Dodro denuncia que “os recortes en educación tamén nos están afectando, en concreto ó CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, deixando sen profesor de Audición e Linguaxe ó seu alumnado, a pesar de que nas listas de Xuño esa praza aparecía cuberta e o colexio contaba con esa figura para atender as necesidades”.
Desde a comunidade escolar, por medio da ANPA, explican que as necesidades están “máis que demostradas”. Os pais veñen de enviar unha carta tanto a Inspección, como a xefatura territorial de educación, entre outros, na que se explica o que está sucedendo, e o reclaman.
Na misiva expoñen que pese a estar asignada a praza, e non cambiando as necesidades do centro, o profesor non chegou e engaden que “resulta especialmente irritante, cando existen profesores substitutos de AL agardando nomeamento e destino”.
No caso de este centro a ausencia de este profesor é particularmente grave xa que, como tamén contan na carta, existen rapaces con “graves deficiencias auditivas e de aprendizaxe (xordeira, dislexia, Trastorno Específico da Linguaxe, alumnos con próteses auditivas, …) que fan imperativa a incorporación inmediata dese especialista nos mesmos termos que se viña facendo”.
Os pais non só piden a incorporación inmediata, queren unha explicación de porque desapareceu a praza e están dispostos a mobilizarse se non o conseguen e acudir a onde sexa preciso.
Pedrouzos chega á Valedora do Pobo
Ao mesmo tempo a Valedora do Pobo ven de admitir a trámite a queixa da ANPA Andaravía do CEIP Plurilingüe de Pedrouzos en Brión. A queixa, rexistrada a pasada semana, denunciaba os recortes de profesorado e o incumprimento de distintas normas por parte da Consellaría de Educación.
A institución inicia “as actuacións oportunas” ante a Administración educativa, requirindo desa administración que no prazo de 15 días “nos facilite información sobre os problemas que motivan a súa queixa”. Un camiño, o seguido pola ANPA de Brión, que poderían seguir outras comunidades de país vendo o número de queixas e recortes que se están a producir en este principio de curso.