Bisbarra, 20 de maio do 2024 – O Concello de Dodro conmemorou o Día das Letras Galegas coa presentación da obra “As palabras do sur” de Manuel López Rodríguez, gañadora do certame poético Eusebio Lorenzo Baleirón no ano 2023.
O acto serviu para a entrega do premio e estivo presidido polo alcalde de Dodro Francisco Xabier Castro Tourís. Interviñeron o concelleiro de Cultura, Ramón Abuín Gómez, o autor do poemario; Manuel López, e Antón Lopo, escritor e representante da editora Chan da Pólvora, responsable da publicación do libro.
Desde o concello de Dodro destacase o compromiso da entidade que “coa defensa da lingua e cultura galega ten no premio Eusebio Lorenzo Baleirón a súa máxima expresión. Certame que, con trinta e seis anos de traxectoria, é un dos máis antigos de Galicia, dedicado ao poeta dodrense referente da creación lírica nas nosas letras”.
O alcalde de Dodro, Xabier Castro Tourís, aproveitou esta celebración para recordar que “o municipio e o goberno local seguirán loitando ata que a Real Academia Galega lle dedique o Día das Letras Galegas a Eusebio Lorenzo Baleirón como digno recoñecemento o seu traballo e contribución a nosa lingua”.