O Goberno de Dodro consigue aprobar un convenio coa Deputación a pesar dos votos en contra do Partido Popular e Xente de Dodro.

O pleno extraordinario celebrado en Dodro tiña un único punto do día, a aprobación do convenio de colaboración entre o concello e a Deputación da Coruña da encomenda de xestión de selección de arquitectos e arquitectas técnicos para concellos de menos de 20.000 habitantes.
A Deputación abriu esta posibilidade que permite aos concellos delegar o proceso de selección dun arquitecto municipal no ente provincial. A maioría progresista permitiu aprobar a contratación xa que Xente de Dodro e o Partido Popular votaron en contra da proposta pese a ser algo recollido na nova relación de postos de traballo.
Debate plenario
Valentín Alfonsín Somoza de X. de D. seguiu coa dinámica de votar en contra de todo e preguntouse na súa intervención “para informar que obras, para informar cantas obras? Aludindo ao segundo el innecesario posto de arquitecto municipal e o custo que tería para o concello.
A voceira popular Marisol Boga falou da súa intervención da necesidade de que a elección do arquitecto a fixera o concello “xa que así poderíamos atopar un perfil máis axeitado ás necesidades de Dodro”.
Xoán Xosé Vicente de Unidade Veciñal apoiou o convenio aínda que asegurou que “trátase dunha medida temporal e instamos ao goberno municipal a que acelere o proceso para cubrir a praza de arquitecto recollida na RPT”.
Xoán Bautista Mariño do BNG pola súa banda dixo “non estar en contra de esta iniciativa” pero pediu tamén que se acelerara o proceso para a contratación dun arquitecto fixo no concello.
O alcalde, o socialista Xabier Castro, recriminoulle ao portavoz de X.de D. que preguntara de onde se ian a sacar os cartos para a praza dicíndolle “do soldo que vostede cobraba cando era alcalde e que agora non se cobra, e dos orzamentos aprobados en este mesmo pleno nos que estaba recollida esa partida”.
Castro engadiu, dirixíndose ao PP, que “esta é a maneira máis rápida de ter un arquitecto, a RPT entrou en vigor o día un e 15 días despois traemos este convenio, recoñecemos que todos quixéramos un funcionario propio pero está é unha solución rápida que non esgota a outra”.
