O documento eleva soldos e crea unha nova praza de arquitecto e outra de peón. O pleno aprobou tamén a Conta Xeral do 2024 e o contrato do servizo de axuda no fogar.

Dodro celebrou a pasada semana o pleno ordinario de xullo onde atopáronse máis consensos que divisións. Coma sempre a única nota discordante foi a de Xente de Dodro que votou sistematicamente en contra, dos tres concelleiros acudiron só dous e estes acabaron marchando antes do debate das mocións dos grupos.
RPT
A nova relación de postos de traballo de Dodro, RPT, era un asunto que levaba bastante tempo en tramitación. O documento saíu da sesión cun amplo consenso xa que acadou 6 votos a favor de PSdeG, Unidade Veciñal e BNG; dúas abstencións do PP e os únicos dous votos en contra dos concelleiros presentes de Xente de Dodro.
Só se presentaron tres alegacións, todas para o mesmo posto de traballo dos 26 que contempla a RPT; e foron estimadas parcialmente pola empresa que desenvolve o documento. Incremento dos salarios e un novo posto de arquitecto e outro de peón son algunhas das melloras que supón para Dodro esta nova RPT
SAF
Levouse tamén a pleno a aprobación da resolución e proposta dada pola mesa de contratación do Servizo de Axuda no Fogar a dependentes do concello de Dodro. Tanto o equipo de goberno socialista como o BNG votaron a favor defendendo o modelo como o mellor na situación actual e destacaron que se trataba dunha responsabilidade da Xunta de Galicia que os concellos se vían obrigados a asumir.
O Partido Popular foi moi crítico e lembrou que hai seis anos que se leva tramitando o contrato e que se presta o servizo de forma ilegal, algo que o alcalde corrixiu remarcando que era “alegal” e non “ilegal”. Finalmente tanto Partido Popular como Unidade Veciñal de Dodro, que defende a municipalización do SAF, abstivéronse na votación.
Xente de Dodro votou en contra e o contrato do SAF quedou aprobado con 4 votos a favor, 2 en contra e 4 abstencións.
Conta Xeral 2024
O terceiro tema de calado foi a aprobación da Conta Xeral 2024 que apenas suscitou debate. Saíu adiante cos votos a favor do grupo socialista, que goberna en minoría; mentres que PP, Unidade Veciñal e BNG abstivéronse.
Xente de Dodro votou en contra aducindo o voceiro, Valentín Alfonsín, que se usaran cartos do remanente de tesourería. O alcalde, Xabier Castro, lembroulle que na súa etapa de alcalde pedira créditos á Deputación que aínda se estaban pagando, acabando a súa alocución dicíndolle que “sen eles (os créditos) ao mellor non tiñamos que usar o remanente”.
