Bisbarra, 3 de decembro do 2024 – O concello de Dodro aprobou, nun pleno extraordinario, o Plan Estratéxico de Subvencións 2024 – 2026 que regula as axudas municipais aos distintos colectivos e persoas.
O Plan foi aprobado, grazas a un acordo previo, cos votos a favor do Partido Socialista, que goberna en minoría; Unidade Veciñal e BNG. O grupo municipal Xente de Dodro votou en contra e o Partido Popular abstívose.
Desde o goberno municipa de Dodrol destacan o esforzo de sacar adiante este Plan e lembran que se trata dun documento obrigatorio para os concellos que pode ser modificado no futuro si se considerara necesario.
Poñen en valor que se incorporan axudas como as das comisións de festas que nunca existiran de xeito regulado no concello. Tamén destacan que por primeira vez o Club Deportivo Dodro poda acceder ás subvencións municipais e que os deportistas de alto rendemento teñan un recoñecemento especial no documento. O CRA Dodro Padrón, as ANPAS, a Asociación A Orixe ou a Fundación Rosalía de Castro veñen tamén recollidas no documento.
Intervencións
Na súa intervención Xente de Dodro quixo facer unha proposta in voce para que as axudas ás comisións de festas foran retiradas do Plan pero o alcalde, Xabier Castro, despois de escoitar o asesoramento da secretaría, decidiu non admitila ao non ser presentada en tempo e forma.
Tanto BNG como Unidade Veciñal criticaron o retraso na aprobación do Plan aínda que valoraron positivamente os acordos aos que chegaron e mostraron a súa confianza de que marquen unha liña de traballo no futuro.
O Partido Popular foi moi crítico co reparto das cantidades e acusou ao equipo de goberno de “comprar os apoios tal e como fai Pedro Sánchez”, aínda que a hora de votar optaron pola abstención.
As axudas serán publicadas na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS) de conformidade co regulado no artigo 20 da LXS e na sede electrónica municipal, indicando a entidade receptora, contía da mesma, e proxecto ou acción á que vai destinada.