Bisbarra, 15 de xaneiro do 2024 – O concello de Dodro e o centro de saúde situado en Lestrove amenceron o sábado con distintas pintadas nas fachadas.
As pintadas facían alusión ao conflito arredor da falta de médicos no centro de saúde. O alcalde Xabier Castro mostra a súa repulsa ante este tipo de accións “A democracia ten mecanismos dabondo para que a cidadanía reclame o que considere. Este tipo de accións o único que fan é danar bens públicos que pertencer a toda a veciñanza, danos que suporán ademais un gasto para as arcas públicas”.
A Garda Civil traballa xa para atopar aos culpables e está analizando o sucedido. O SERGAS, propietario de centro de saúde situado en Lestrove, tamén foi avisado do sucedido. O concello pedirá á delegación do goberno os permisos necesarios para colocar cámaras de seguridade.
Xabier Castro lamenta un ataque tan directo ás institucións “estase atacando ao conxunto do pobo e a toda a corporación. Quero lembrar que ás concentracións diante do centro de saúde para reclamar solucións acudimos unidos todos os partidos políticos polo que este tipo de pintadas non teñen sentido ningún”.