Bisbarra, 5 de decembro do 2023 – O concello de Dodro pídelle “sentidiño” aos seus veciños e que usen o punto limpo móbil e non deixen voluminosos na rúa.
Desde o concello explican que nas últimas datas algúns dos puntos nos que están situados os contedores están a piques de converterse en vertedoiros polo mal uso que fan algúns veciños incívicos. O alcalde, Xabier Castro, mostraba o seu enfado con esta situación dicindo que “Así non é xeito de facer as cousas, o punto limpo móbil recorre todo o concello polo que non custa nada gardar os residuos máis voluminosos uns días máis en vez de tiralos na rúa”.
Castro tamén lamentaba a rotura que sufriu o contedor da escola de Lestrove “trátase de algo que é de todos, que compre unha función e que agora o concello terá que pagar, foi algo feito aposta e non acabamos de entender que necesidade ten ninguén de destrozar bens que son de todos”.
O departamento de Obras e Servizos emitiu un comunicado lembrando os días de paso do punto móbil, que será difundido polas redes sociais do concello, e no que lembra que tamén se pode chamar a Coregal ao 981838908 para informase e pedir a recollida a domicilio.