Dodro repite a iniciativa CafeLibros, que hai un ano dou tan bo resultado, e comparte lecturas coa hostalería da vila durante os meses de abril e maio.
Un ano máis Dodro celebra o 23 de abril, o Día do Libro e do Dereito do Autor, coa iniciativa CafeLibros, buscando achegar a lectura á veciñanza. É unha data simbólica na que faleceron destacados escritores como Cervantes, Shakespeare ou Garcilaso de la Vega.

Esta data foi escollida pola UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura) co fin de fomentar a lectura, recoñecer a figura do/a autor/a e procurar o fortalecemento da industria editorial de cada país.
O Concello de Dodro quere compartir esta celebración con toda a poboación mediante iniciativas que faciliten o acceso da cidadanía aos libros e ao desfrute da lectura. Baixo a premisa de que calquera lugar ou escenario é bo para acompañarse e desfrutar dun libro, e polo tanto dunha boa lectura, o concello organiza e promove, Dodro conmemora o Día do Libro coa iniciativa CafeLibros.
CafeLibros é un proxecto de colaboración cos locais hostaleiros mediante o que a Biblioteca Pública Municipal de Dodro cede en préstamo, durante os meses de abril e maio, unha escolma de lecturas en galego e castelán, de xénero e temática variada e para distintas idades.
A persoa titular do local só se ten que responsabilizar da custodia e bo trato dos libros durante este período. Un xeito de ofertar a súa clientela, ademais dos produtos habituais, unhas lecturas interesantes e atractivas coas que deleitar o seu consumo.
CafeLibros convida a ler pero implica ademais a unha parte tan importante da vida social dun pobo como a hostalería. Desde o concello de Dodro convidamos á veciñanza a visitar os distintos locais e desfrutar do lugar e da lectura.