Bisbarra, 25 de novembro do 2022 – O goberno municipal de Dodro ven de ser absolto dunha acusación de prevaricación presentada polo voceiro do PP no concello, Valentín Alfonsín Somoza.
A denuncia por prevaricación foi presentada contra os membros da Xunta de Goberno Local, o alcalde Xabier Castro Tourís xunto cos tenentes de alcalde Ramón Abuín Gómez, Xoán Xosé Vicente e Xoán Bautista Mariño. Están asistidos xuridicamente pola secretaria tamén denunciada.

O auto de rexeitamento, contra o que non cabe máis recurso, coñecérono esta semana as persoas denunciadas de mans dos avogados. Desde o goberno municipal explícase que “os feitos denunciados sobre un expediente urbanístico polo concelleiro popular nunca foron sospeitosos de seren ilegais e nunca os concelleiros e secretaría actuaron ou actúan de mala fe como quedou demostrado xa no xulgado de instrución de Padrón”.

Estas sentencias de absolución preliminares, foron agora confirmadas na Audiencia Provincial, á que apelou, en setembro pasado, Valentín Alfonsín Somoza.
Anteriormente o voceiro popular xa presentara outra denuncia que a fiscalía arquivou pola falta de fundamento sen que chgara aos xulgados. Desde o goberno municipal declaran que “Valentín Alfonsín Somoza, desde a oposición, segue ancorado na mentira e nas denuncias facendo gastarlle recursos e cartos ao goberno de Dodro que así non se poden destinar a outros fins municipais”.